Seguidores e seguidoras

luns, 25 de marzo de 2024

Ría de Ortigueira, 24/03/2024: lontra paleártica (Lutra lutra)

    Onte domingo facía unha visita á ría de Ortigueira. A invernada chega ao seu fin e as anatídeas xa marcharon na sua maioría, ainda que fican números altos de limícolas. De todas formas nesta visita  pretendía seguir a readaptarme á SX70, máis que censar. De feito nen levei telescopio, así que tiven que empregar o zoom da cámara para poder contar algunha cousa.

Desde o peirao de Ortigueira

  Antes fixen unha breve visita por San Claudio e Lagarea, onde case non había nada. Logo parei en Ortigueira, onde chegaron despois Álvaro F. Polo e Eulogio Ben.

Mirando en dirección sur

 Imos coa listaxe do máis salientábel (en negriña os novos nomes oficiais):

  • 3+ Lavancos reais (Anas platyrhynchos)
  • 12 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca). Non vin xa nengún asubiador nen albelo
  • 45+ Lampareiros eurasiáticos (Haematopus ostralegus)
  • 1 Píldora cincenta (Pluvialis squatarola) en San Claudio. Na ría central habería máis con certeza pero sen telescopio pode ser moi complicado detectalas
  • + Mazaricos chiadores (Numenius phaeopus)
  • + Mazaricos reais (Numenius arquata)
  • 65+ Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica)
  • 13+ Fuselos de rabo negro (Limosa limosa)
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
  • Deceas de biluricos comúns (Tringa totanus)
  • 1 Bilurico escuro (Tringa erythropus)
  • 55+ Biluricos pativerdes (Tringa nebularia)
  • 3 Pilros grosos (Calidris canutus)
  • 1 Pilro común (Calidris alpina)
  • 3 Garzas brancas grandes (Ardea alba)
  • + Garzas brancas pequenas (Egretta garzetta)
  • 13 Cullereiros comúns (Platalea leucorodia)

Gaivotón atlántico (Larus marinus) e lampareiros aurasiáticos (Haematopus ostralegus)

Fuselos de rabo pinto (Limosa lapponica). Distancia: uns 400 m aprox
Canon SX70, toma recurtada

  A verdade é que a proba foi esixente para a cámara. Moita ou moitísima distancia ás aves e contraluz na maioría dos casos. Aínda así cumpríu.

Mazarico chiador (Numenius phaeopus)

Fuselos de rabo negro (Limosa limosa)

Bilurico escuro (Tringa erythropus), imaxe testemuñal

 Cos bichos máis perto e boa iluminación a cousa mellora, obviamente.

Cullereiro común (Platalea leucorodia)
Canon SX70 focal 1365 mm  ISO:100   V:1/640   F:6,5
  
  As gaivotas son os auténticos piratas do intermareal e realizan unha actividade moi intensa de parasitismo, da que non escapa case ningunha especie. Rouban cangrexos aos mazaricos, peixes ás garzas, signátidos aos cullereiros, anélidos a limícolas pequenas... Un xuvenil de patimarela integrábase no grupo de cullereiros esperando a que algún sacase a presa para lla quitar.

Cullereiros comúns con gaivota patimarela controlando no medio
Canon SX70 focal 1365 mm  ISO:100   V:1/1000   F:7,1

Cullereiro común e gaivota patimarela observando
Canon SX70 focal 1365 mm  ISO:100   V:1/1000   F:7,1

  Unha lontra achegouse para que a proba da SX70 tivese algo máis de glamour.

Lontra paleártica (Lutra lutra) nadando

      Logo de buscar lábridos (Labridae) entre as rochas do peirao parou un momento que aproveitei para acribillala a fotos.

Lontra paleártica (Lutra lutra

Lontra paleártica (Lutra lutra)
Canon SX70 focal 300 mm equiv   ISO:400   V:1/400   F:6,3

Lontra paleártica (Lutra lutra), "foto de carné"
Canon SX70 focal 1200 mm equiv   ISO:200   V:1/400   F:6,3

 Nese momento pesoume non ter na man a Sony RX10 III, que tiña no maleteiro. Xa non digamos a OM-1. A distancias tan curtas e cun bicho tan grande á SX70 sóbralle focal (e lle falta esa calidade superior que teñen os sensores grandes).

Lontra paleártica (Lutra lutra)
Canon SX70 focal 400 mm equiv   ISO:200   V:1/400   F:6,3

 E co noso mustélido máis coñecido e doado de ver rematamos o post.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos