Esta mañá voltei polos montes do Forgoselo, situados 15 Km ao leste de Ferrol.
Piñeiral de Pinus sylvestris
Cando levo a OM-1 dame preguiza cambiar o tele-obxectivo así que agora fago moitas tomas de paisaxe coa cámara do teléfone móbil en modo automático e non me complico.
Turbeira asolagada
Vista desde unha das estacións de escoita
Paisaxe do Forgoselo
A lista de aves observada estivo formada por especies típicas forestais e de monte. Vou citar algunhas, coas que empregarei a nova nomenclatura galega consensuada polos expertos e finalmente publicada de maneira oficial o pasado 9 de marzo, o "Día do Naturalismo Galego". A partires de agora todas as persoas que publicamos en galego deberíamos empregar esta listaxe oficial cando escribamos os nomes vulgares das aves ou todo ese esforzo de décadas de traballo non terá sentido nin recorrido.
- 1 Miñato negro (Milvus migrans). Esta rapina hai anos que xa colonizou as comarcas máis norteñas e eurosiberiás da Galiza
- 6 Tordos visgueiros (Turdus viscivorus). Atentos ao novo nome da especie!
- Varios territorios de laverca dos campos (Alauda arvensis)
- 5 Azulentas comúns (Prunella modularis)
- + Subidores comúns (Certhia brachydactyla)
- + Cruzabicos boreais (Loxia curvirostra). Escoitados mentras voaban
- 3 Escribidores riscados (Emberiza cia)
- 1 Escribidor das neves (Plectrophenax nivalis), que leva días por aló
Buxato común (Buteo buteo)
Azulenta común (Prunella modularis)
Escribidor riscado (Emberiza cia)
Desta volta non poño os parámetros de disparo coa OM-1 e o Zuiko 100-400 F:6,3 porque todas as fotos están moi recurtadas e tampouco aportarían gran cousa eses dados.
Tordo visgueiro (Turdus viscivorus)
Laverca dos campos (Alauda arvensis)
Hoxe fun testemuña por primeira vez na miña vida da cerimonia de cortexo da laverca dos campos. Teño visto moitas, habitualmente mentras cantan colgadas no ceu ou cando saen a voar cando te achegabas a elas sen velas. Sen embargo esta mañá puiden ollar e fotografar como un macho despregaba todos os seus encantos diante dunha embelesada femia.
Macho de laverca en display nupcial
Como ben sabemos, todos os aláudidos "camiñan" polo chan, ao estilo de picas ou lavandeiras. Porén, este macho en celo avanzaba dando saltos - moi ao estilo dun frinxílido ou túrdido - mentras se estiraba para parecer máis alto e preumía da súa crista emplumada.
Macho de laverca marcándose un Pau Gasol
Femia toda atenta controlando ao aspirante
Finalmente arrimouse á femia levantando a cola e baixando a cabeza. Imaxino que sería unha invitación á cópula. Lamentablemente para el a femia non lle fixo moito caso e o macho marchou voando sen parar de cantar, iso si.
Macho dándolo todo
Perto dalí atopeime un escribidor das neves. Saqueille unha imaxe testemuñal. Tamén había media ducia de coleccionistas controlando o bicho, porque xa houbo romaría para afotar este escribidor...
Escribidor das neves (Plectrophenax nivalis)
Termino con esta foto, cuxo "propietario" non souben identificar:
Pata de becerro consumido por carnívoros
Pregunteille a un colega que sabe moito sobre lobo (Daviz Martínez) e textualmente díxome: "Xato ou becerro. Ou naceu morto ou non lle deu tempo nen a erguerse antes que o pillaran". Pouco despois outro colega, veterinario que traballa precisamente no Forgoselo, confirmoume que efectivamente foi un becerro nacido morto sobre o cal xa carroñeara onte o raposo e que os lobos limparan de vez esta noite. Quedei impresionado coa información tan precisa que me dixo David só con ver a foto que lle mandara por whatssap.
Con isto quero lembrar a importancia de escoitar aos que saben e non deixarse levar pola prensa obediente a determinados lobbies que todos coñecemos. Que hai ataques ao gando? certo, e síntoo polos gandeiros afectados (aos que unha Xunta non tan "popular" compensaría como se debe) pero un resto consumido por lobo non significa un ataque de lobo. E con este post queda demostrado tamén o importante papel que teñen os depredadores apicais eliminando animais mortos dos nosos montes, algo que seguramente non leredes en "Jarra y Pedal".
A al colega de Antonio Gutiérrez y super amigos los tres Pablo,Antonio y David .Ahí no le dices nada a David , vaya forma de medir con vara.¿Cuántas veces salió David al campo contigo?
ResponderEliminarNunca. Por?
Eliminar