Seguidores e seguidoras

domingo, 7 de xullo de 2024

07/07/2024 De volta por Ferrol

 Penso que xa pasou a mellor época para observación de armiño (Mustela erminea) mas cómpre insistir agora que temos unha referencia concreta onde procurar. A iso mesmo adiquei a mañá de hoxe. Unha mañá moi fría para estar xa en xullo: 10º C en Ferrol, que eran só 6ºC en Lamas (San Sadurniño). Un cambio radical desde aqueles 33 ºC que había en Villafáfila!



  O armiño segue sen aparecer. O que non faltou á cita foi este corzo femia, ao que vou ter que poñer nome, de tanto que o vexo.

Corzo (Capreolus capreolus) femia

     Primeiro vino de lonxe e desapareceu. Máis tarde, mentras facía unha estación de control con emisión de sons do armiño, achegouse por un prado cara onde eu estaba.

Corzo (Capreolus capreolus) femia

  Pensei que marchaba de vez cando pegou un chimpo e botou a correr.


  Sen embargo parou un pouco máis adiante e quedou mirando para min, con certa curiosidade.


     Despois botou a correr outra ves.


Corzo (Capreolus capreolus) femia
Sony RX10 focal 260 mm equiv   ISO:800   V:1/800   F:4

 E de novo parou xunto unha sebe, ollando para min.


     Mirámonos os dous e logo xa desapareceu entre os salgueiros.

Corzo (Capreolus capreolus) femia
Sony RX10 focal 435 mm equiv   ISO:400   V:1/250   F:4

     Após dúas horas de mostraxe sen froito achegueime río arriba até o concello de Moeche, onde o val do Xuvia está bastante ben conservado tamén (se non miramos cara os montes, completamente eucaliptizados, obviously).



Paisaxes de Moeche (val do río Xuvia)

  De paxarada, recollín algunha cita de interese, coma este tordo visgueiro, que aniña nos montes pero pode verse nos campos de abaixo.

Tordo visgueiro (Turdus viscivorus)

    Ou este voantón de picanzo, nun dos territorios históricos de San Xurxo de Moeche.

Picanzo vermello (Lanius collurio), polo voantón

    E termino cun escribidor de papo negro, un paxaro  que eu polo menos vexo menos que antes. No val do Xuvia pode verse aínda na proximidade de casas que dispoñan de horta (no sistemas de dunas grises con pequenos piñeiros de repoboación son máis abondosos).

Escribidor de papo negro (Emberiza cirlus)

  Xa sen foto, tamén observaba unha perdiz rubia (Alectoris rufa) con 2+ poliños pequenos. Semella que os exemplares procedentes de solta cinexética son capaces de reproducirse en Moeche. Falando cun paisano maior que coñezo dicíame que antes había moitas perdices alí. Eran outros tempos.

   Logo de estar en Villafáfila semella que estes humildes campos son cousa cativa. Sen embargo este mes apendín a valorar as cousas doutra maneira. E a tentar desfrutar cada momento presente. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos