Seguidores e seguidoras

domingo, 28 de xullo de 2024

28/07/2024 Último control de picanzos en Moeche e venda de óptica

  Como vedes estou a pasar as vacacións en Ferrol (tampouco hai ánimo para outra cousa). Mentras outros colegas ocupan estas datas en facer viaxes para desfrutar da Natureza en lugares fantásticos polo mundo adiante a min chégame con andar pola bisbarra de Trasancos.

Meu local patch (imaxe con teléfone móbil Samsung A52)
 
Camiños de Casalousada, Moeche

  Hoxe realizaba un novo control de picanzos vermellos nos transectos habituais de Moeche. Previamente facía unha espera no lugar onde onte vira a donicela (Mustela nivalis); ou delonciña, como a chamamos en Ferrol. Desta volta con resultado negativo.

  O macho solitario do territorio 3 estaba onde sempre co seu polo, cada día máis crecido. Foi unha mágoa non ter levado o 400 porque hoxe si que se deixou achegar dabondo.

Picanzo vermello (Lanius collurio)

 A parella do territorio 1 tivo máis sorte e sacou adiante dous polos cando menos; quizá tres.

Polos voantóns do territorio 1

Picanzo vermello (Lanius collurio). Desenfoque do fondo (bokeh) con ID de Lightroom
OM-1 + Panasonic 100-300 mm   ISO:800   V:1/400    F:5,6

    Esta mañá sopraba vento moderado de nordés. Aínda así voaban algúns insectos, coma este "perxudicado" lavacú sanguiño, xusto no territorio 3.

Lavacú sanguiño (Sympetrum sanguineum)

O sol alumeando o meu percorrido polas sombras

  A "tempada de terrestres" vai rematando. A migración outonal está comezando e haberá que voltar ás rías de Ortigueira e Ferrol ou á lagoa da Frouseira (en horario non canino).

 Termino cun anuncio que espero que circuledes. Estou pensando en tirar a casa pola ventá e comprar un pepino profisional para a OM-1. Iso obrigaríame a vender parte da miña equipa actual:

  • Panasonic Lumix G7
  • Panasonic 100-300 mm  F:5,6
  • Zuiko 100-400  F:6,3

Panasonic G7 (con baterías extra orixinais)

Panasonic 100-300 mm  F:5,6

Zuiko 100-400 mm   F:6,3

  Pois iso, se alguén está interesado ou coñece a alguén que o estea compartide esta información. Graciñas. O que estou pensando en mercar (Zuiko 150-400 F:4,5) é un cacharro carísimo, pero levo uns días pensando que nestes momentos pode virme moi ben.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos