En poucos días o pito de gaivotón nacido na factoría de Navantia-Ferrol marchará con rumo descoñecido. Estou de ferias e cando volva ao traballo, a mediados de Agosto, a colonia estará baleira. Esta mañá achegábame para tomar as que probábelmente serán últimas fotos de Susiño, que nacía tal día como un 23 de Maio:
Susiño recén nacido
Durante estes dos meses o control deste niño excepcional estivo chea de disgustos e de sustos. Perdeuse ún dos ovos por causa descoñecida e temín pola morte de Susiño en varias ocasións. Tamén tivemos a presenza dun terceiro adulto de gaivotón rondando o niño que non me deixou tranquilo até que marchou.
Niño de gaivotón (Larus marinus) no peirao Nº6 de Navantia
Finalmente semella que esta vez o polo vai chegar a voar.
Polo de gaivotón con aproximadamente dúas semanas
Logo de solicitar o permiso á Dirección, José Ramón Castro e máis eu puidemos observalo e fotografalo con tranquilidade desde o peirao. Susiño xa ten a plumaxe de vóo completa e ten un tamaño grande dabondo para sentirse seguro.
Polo de gaivotón (Larus marinus) Distancia: 175 m. Autodisparo sobre pedra
Nikon P1000 focal 3000 mm ISO:140 V:1/80 F:8
Facendo estiramentos
Os dous proxenitores lograron por fin sacar adiante un polo logo de varios intentos fracasados.
Susiño pedindo a merenda
Nalgunha foto xa se aprecia o típico contraste entre a cabeza case branca e o lombo escuro, e que os diferenza dos xuvenís de patimarela a moita distancia.
Polo de gaivotón (Larus marinus), vista dorsal
Susiño xunto a xuvenil de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis)
Polo de gaivotón (Larus marinus, esda) e de patimarela (Larus michahellis, drta)
Eu non estou infectado polo veleno antiespecista. Sen embargo resulta imposíbel non coller certo cariño cara este polo tan especial, ún dos primeiros da especie nacidos na provincia. Como naturalista sei que cando creza Susiño (ou Susiña) será un terríbel depredador, que non dubidará en devorar polos de outras aves. Sen embargo para min será sempre o pito ao que vin nacer e crecer no peirao Nº6 de Navantia.
Polo de gaivotón (Larus marinus). Distancia: 175 m. Autodisparo sobre pedra
Nikon P1000 focal 2600 mm ISO: 110 V:1/60 F:7,1
Agora queda esperar novas del. Quizá no futuro recibamos o aviso dalgún colega que o avistou nunha praia portuguesa, francesa ou asturiana, quén sabe. Adeus, meu pequerrecho!