... e as Pegas se che suben "á chepa":
Anda a Natureza entrando na fase de seu apoxeo, un pico que acadará o máximo aló polo mes de Maio. Son tempos de procreación, de floración. E todo semella estar máis vivo que nunca.
Na lagoa da Frouxeira, que está baleira o máis noticiábel foi:
- 2 Cullereiros (Platalea leucorodia)
- 1 Garza branca (Ardea alba)
Garza branca (Egretta alba)
- 7 Cercetas reais (Anas crecca). Aínda non vin a primeira Cerceta albela (Anas querquedula) da temporada. Aínda que tampouco fixen moito por velas.
Cercetas (Anas crecca), parella
- Ningún Pato frisado (Anas strepera) observado nin o sábado nin o domingo. E isto é noticia. Había anos, ou mesmo case me atrevo a dicir décadas, que esta anátida non faltaba á cita. Esperemos que comecen aparecer as parellas reprodutoras nas próximas semanas.
- 4 Patos culler (Anas clypeata)
- 1 Pato rabilongo (Anas acuta) femia
- 1 Pato cristado (Aythya fuligula). Achegouse bastante á pista, algo pouco habitual nos parrulos mergulladores, e permitiu retratalo en condicións.
Pato cristado (Aythya fuligula)
Canon SX50 F: 6,5 Vel: 1/250 sec ISO 80 focal: 215 mm (equiv 1200 mm)
Desde o observatorio, unha nova familia de Lontras nadaba e se alimentaba na desembocadura do río Vilar. Neste caso unha femia con un único cachorro, algo pouco habitual (soen ter 2-3 crías).
Ao nadar, as crías adoitan achegarse moito á súa nai, buscando o contacto maternal; ás veces póñense case encima delas.
Lontras (Lutra lutra). Femia con cachorro
Un mísil apareceu raseando a xunqueira e provocando o pánico entre os Alavancos. Tratábase do Azor, ún dos predadores máis importantes da lagoa, onde realiza frecuentes incursións para capturar anátidas ou gaivotas.
Este tipo de fotografías son un desafío para as cámaras bridge, sobre todo se disparas en RAW (o enfoque é aínda máis lento). Apenas puiden tomar unha imaxe testemuñal da "fiera":
Azor (Accipiter gentilis) xoven
En sentido contrario, unha Águia pescadora (Pandion haliaetus). Chegou, pescou e marchou. Polo éxito inmediato que tivo, penso que era un adulto. Atentos todos con este bicho. Non me canso de avisar.
Águia pescadora (Pandion haliaetus)
Unha das mellores observacións da xornada comezou ao escoitar un canto breve, metálico e familiar. Desde o bordo mesmo da canaveira, unha Escribenta marcaba territorio. O paso forte de Escribentas da subespecie nominal, invernantes por aquí, soe ser en Febreiro-principios de Marzo. Así que probablemente este macho cantor é un dos nosos exemplares reprodutores. Ademáis estaba nunha das xunqueiras favoritas en Primavera.
Escribenta das canaveiras cantando en hábitat de cría
A pesar da distancia (uns 50 m.) puiden tirar unha foto deste momento. Porque non é un paxaro máis, queridos lectores. Falamos dunha especie catalogada coma en perigo de extinción na Península ibérica, onde se atopan dúas subespecies. A subsp lusitanica é a que cría en Galiza.
O censo coordinado pola SEO falaba de 3 parellas na Frouxeira. Pero afortunadamente hai algunhas máis. Empregando unha metodoloxía similar á recomendada na monografía sobre a Escribenta, podemos considerar unha cifra real de 5-7 parellas nidificantes en anos normais. Que mesmo poderían chegar a 9-10 en anos bós, se a Escribenta recuperase a que en tempos era parte da área de cría, na xunqueiras do Oeste e Noroeste do humidal, onde agora aperece só como invernante.
Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus lusitanica)
Cando se levantou o observatorio orixinal, hai quince anos, dispuñas dunha estupenda panorámica da principal canaveira (a do río Vilar). E daquela podían observarse fácilmente diferentes territorios de Escribenta, así como Garzas pequenas (Ixobrytchus minutus) e outras aves. Mais agora, o crecimento dos salgueiros acabou por obstaculizar enormemente o campo visual, tapando a mellor área de canaveira de todo o humidal.
Seguimos... No areal aparecen xa bandos medianos de Gaivotas escuras (Larus fuscus). Iso deixámolo para o especialista (un saúdo, Antonio!).
Xunto a elas, 4 Mazaricos rabinegros (Limos limosa) anunciaban o próximo paso migratorio de limis de primavera. Bichos, coma sempre, estará alí para contárvolo.
O feito de que A Frouxeira sexa unha lagoa litoral fai que, de cando en vez, podamos avistar aves mariñas dentro da lagoa. Palleiras (Stercorarius parasiticus), Mascatos (Morus bassanus), Gaivotas tridactilas (Rissa trydactila)... ou Carolos. Nesta ocasión, lamentablemente, un individuo morto. O inverno éste que tivemos foi moito inverno...
Carolo (Alca torda) morto na lagoa da Frouxeira
Antes de abandonar a lagoa, tiven tempo a afotar un recente colonizador da zona. O Esquío, moi favorecido polas repoboacións de piñeiral do século pasado, resulta sempre un animal fotoxénico (e máis cotilla que María Teresa Campos)
Esquío (Scirius vulgaris)
Despois achegábame aos prados de Taraza, na parroquia de Meirás. Un grupiño de 5 Andoriñas voaban sobre os campos. Primeiro rexistro do ano.
Andoriña común (Hirundo rustica)
Andaba eu facendo a ronda habitual, cando escoitei un carrete de pesca familiar. O "canto" da Folosa manchada é único e imposible de confundir (falo dos prados, ollo). Unha alegría recorreume o corpo todo. E non era para menos! Logo do episodio de 2012 (preme), e da nefasta Primavera de 2013 cando non detectara ningún exemplar, estaba preocupado pola situación deste paxaro no lugar. Lembremos que en toda Galiza apenas existen 2-3 rexistros de cría, sendo Valdoviño ún dos poucos lugares onde mantén poboacións nidificantes, localizados na propia lagoa e nos campos de Taraza.
Que conste que estamos en datas de migración e podería tratarse perfectamente dun exemplar en paso (algo máis habitual en Agosto-Setembro). Pero estaremos atentos a ver se esta Folosa manchada é ou non un exemplar reprodutor. E a ver se podo pillala cerca e con boa luz!
Folosa manchada (Locustella naevia)
Vémonos.
A ver a dou visto... ata agora só a escoitei unha vez...
ResponderEliminarApertas!
Damián
Pois cando queiras vela xa sabes. Pero ten que ser á miña maneira. Non vale iso de chegar a mediodía, botar cinco minutos e arrancar. A folosa hai que "traballala".
EliminarUn abrazo.