Seguidores e seguidoras

xoves, 26 de xullo de 2018

Libeliñas na levada

  O noso idioma posúe a palabra "levada" para definir esas canles de auga que se construían para levar a auga ao muíño. E a comarca de Ferrol ten moitos vellos muíños abandonados, como éste de Neda que visito de xeito regular nos últimos tempos:

 Muíño en Neda

    Polo visto estas levadas resultan de sumo interese para a supervivencia dún dos nosos odonatos máis ameazados - que mesmo está incluído nas Directivas Europeas de conservación - como é a Donceliña de Mercurio.


 Vella levada entre prados

 Neste muíño existe unha poboación ben interesante de mercuriale e non hai visita (en época válida) que non regale algún avistamento da especie.

Donceliña de Mercurio (Coenagrion mercuriale)

 O seu rasgo máis característico é un debuxo negro no 2º segmento abdominal semellante á cabeza de Mercurio, un deva da mitoloxía romana. 

Detalle do debuxo

    A Nikon B700 resulta moi útil para estas cousas, pois a distancia de disparo a estas libeliñas soe ser grande, superior a 1,5 - 2 m, co cual podes empregar toda a focal disponible. A mercuriale é especialmente nervosa e apenas permite aproximación. Namentres, as Calopteryx virgo e haemorrhoidalis, ambas moi comúns, adoitan estar entre as prantas da canle, polo que tampouco te podes achegar moito.

 Gaiteiriño vermello (Calopteryx haemorrhoidalis), macho

  Porén, o obxectivo desta visita de onte era detectar as primeiras Esmeraldas de Curtis (Oxygastra curtisii), auténtica xoia da comarca de Ferrol e da que temos unha magnífica poboación nas marxes sombrizas do río Belelle. Nas máis cálidas terras de Pontevedra xa emerxeron pero aquí arriba seguimos sen novas da especie

Río Belelle

  A ver se nos próximos días podemos observar os primeiros exemplares.

2 comentarios:

  1. Andam também as libelinhas do lusco-fusco (Boyeria irene) mui activas estes dias. Se volves e ficas até o pôr-do-sol acho que poderias ver algumha ali. Um abraço! Damián

    ResponderEliminar
  2. Precissamente o outro dia cruzou-se diante de mim um odonato grande que, polo sítio (umha estrada próxima a um rio) e tamanho grande tinha toda a pinta dumha Boyeria.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos