Paseio fluvial polo Xuvia (San Sadurniño)
Pequena presa do Xuvia
Camiño ao pé do Belelle no Roxal (Neda)
Unha grande superficie destas bacías está incluída na Rede Natura 2000. Hai tempo que deixei de crer nas figuras de protección aplicadas ao noso país pero reflicten o interese ecolóxico dos seus hábitats, bastante ben conservados.
Cómpre salientar o ben que o está a facer o grupo de goberno do concello de San Sadurniño (do BNG) apostando pola conservación. O proxecto do "arboreto", un parque forestal con especies autóctonas, ten un futuro prometedor para os paseriformes.
Parque repoboado con árbores autóctonas en San Sadurniño
Tordo común (Turdus philomelos) xuvenil do ano
Aproveitando a protección forestal puiden afotar decentemente un exemplar do sempre tímido Gaio (Pega rebordá ou rebuldá, dicimos polo Norte galego).
Gaio (Garrulus glandarius)
Buscaba libeliñas mais é un pouco cedo. Só atopei gaiteiriños azuis (Calopteryx virgo), donceliñas vermellas (Pyrrhosoma nymphula) e un candil curvado (Onychogomphus uncatus).
Gaiteiriño azul (Calopteryx virgo) fémea
Bosque aluvial (hábitat prioritario polas directivas europeas)
Desde logo estes paseios fluviais son do mellor que temos e moi cómodos de percorrer.
Rá patilonga (Rana iberica)
Déixovos cunha das especies máis importantes e representativas da nosa rede fluvial: a troita de río, o peixe mellor distribuído nas augas continentais galegas. A diferenza do reo (Salmo trutta morpha trutta), a troita de río é unha variedade non migratoria, vivindo nos ríos da comarca todo o ano.
Nestes cotos é habitual a modalidade de "pesca sen morte", unha práctica que desperta moita controversia entre o propio colectivo de pescadores (lin argumentos sensatos a prol dunha e doutra modalidade). Como sei que algúns dos meus lectores son pescadores de costa ou de río invítoos a probar unha nova experiencia: "pesca con foto". Que de fácil non ten nada!
Troita de río (Salmo trutta morpha fario)
Hoxendía xa non se fala de troita e reo como subespecies, senón como variedades ambientais ou ecotipos.
ResponderEliminarAsí, serían ámbolosdous Salmo trutta trutta, morpha fario no caso da troita e morpha trutta no caso do reo.
Non deixa de ser Unha carallada de nomenclatura, pero reflicte o feito de que un reo despois de varios meses no río é indistinguible dunha troita.De feito pode mudar a residente ó ano seguinte.
A migración sábese que é produto de circunstancias ambientais, e normalmente son as femias as que a abordan.
Grazas polo apontamento. Se te fixaches na redacción inicial xa non dicía tampouco que fosen "especies" distintas, pois lera un pouco da súa complexidade taxonómica. Pero logo do teu comentario (moi interesante) modifiquei o texto e penso que agora se entende mellor. A ver que che parece.
Eliminar