Entre a incomodidade da máscara cando levas óculos (que se empañan) e a volta do tempo chuvioso estou a perder o hábito de camiñar polas mañás. Case prefiro coller o carro e saír da "civilización" para dar un paseio pola Natureza.
Praia de Ponzos (Ferrol)
Nas praias ferroláns era habitual ver bandos de milleiros de gaivotas pero hoxe resulta case raro ver unha concentración de varios centos. Tres son os factores que (penso) están detrás deste brusco descenso: o selado do verquedoiro de Mougá (onde levaban os residuos da cidade), a colonización do hábitats urbanos por parte das patimarelas co abandono parcial das colonias mariñas e por suposto a invasión da peste mascoteira, que fai tan difícil a vida na praia.
A carón de Ponzos atopamos a pequena cala de Sartaña, un ponto quente para raridades a nivel local grazas á enorme cantidade de materia orgánica que adoita ter. Hoxe a acumulación de algas en descomposición chegaba á altura do xeonllo nalgunhas zonas da praia.
Praia de Sartaña
En tempos debeu existir un pequeno humidal na trasduna, ao igual que noutras praias da Comarca. Actualmente fica un denso canaval enxoito de abondo.
Canaveira de Phragmites australis
Mentras camiñaba un gabián (Accipiter nisus) pasaba voando a ras da terra para meterse coma un raio dentro dun piñeiral de repoboación. Namentras, un lagarteiro (Falco tinnunculus) pousaba na sua atalaia de caza para acabar sendo ferozmente acosado por unha bandada de liñaceiros (Carduelis cannabina). Moito medo penso que non tiña o lagarteiro.
Lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus) femia
Esta zona de amplos espazos abertos, cultivados ou de pasto para gando vacún son moi interesantes para observación de paseriformes en migración. Hoxe fotografaba esta chasca norteña, especie certamente abondosa este ano.
Chasca norteña (Saxicola rubetra)
En Sartaña tienes Correlimos comùn ,tridactilos y lavaderas.
ResponderEliminarVin un tridáctilo e moitas lavandeiras brancas, si.
EliminarQué marabilla a costa de Ferrol. E qué descoñecida é para gran parte dos galegos. Apertas
ResponderEliminarBon, se falamos estritamente de costa mariña (mar) é moi fermosa, certamente. Mas se falamos de costa "terrestre" pois é espantosa, horrible, completamente eucaliptizada e alterada. Aínda que ti és moi propenso a ver só o lado bon das cousas cando falas de Galiza eu teño unha opinión bastante menos optimista.
EliminarApertas, Quique.