Seguidores e seguidoras

venres, 9 de agosto de 2024

09/08/2024 Picanzo vermello (Lanius collurio), todos os machos vivos

 Esta mañá fixen unha última mostraxe de control en Moeche. Antes, coma sempre, tocaba espera de mamíferos (entre as 7,00 e as 8,15 h), que non foi moi produtiva. 

"As Regas" (Moeche), 7,20 h
Fotografía co teléfone Samsung A52 en modo automático

"As Regas" (Moeche), 7,50 h
Fotografía co teléfone Samsung A52 en modo automático

  No camiño aparecían novas pegadas, desta volta ourizo cacho seguramente, mais o chan estaba tan seco que non se vían nada ben:

Probábeis pegadas de ourizo cacho (Erinaceus europaeus)
O rectángulo da chave mide 6,5 cm de longo

 Logo  do visto hoxe e estes últimos días podemos confirmar que os 5 machos dos territorios controlados seguen vivos. Hoxe observaba a M5, a F5 e cando menos un voantón. Así pois, o gabián (Accipiter nisus) debeu capturar un exemplar que estaba de nomadeo/migración ou ben doutro territorio (hai algún máis fóra da área de mostraxe habitual).

Picanzo vermello (Lanius collurio) macho M5. Toma moi recurtada
OM-1 + Zuiko 100-400 mm    ISO:400   V:1/1600   F:6,3

Picanzo vermello (Lanius collurio) femia F5. Toma moi recurtada

   M5 semellaba "relativamente" confiado, tendo en conta o carácter extremadamente fuxidío da especie, e puiden disparar unha serie de fotos onde podemos apreciar o estado deteriorado da súa plumaxe, especialmente as rectrices (as plumas da cola) e primarias (nas ás).

M5 en vóo

M5 pousando para Bichos e demáis familia

  Arrepíntome moito de ter vendido a Nikon P1000. Para estas aves tan tímidas que non permiten achegarte a menos de 50 ou 100 m non hai nada mellor, nin OM-1 nin full frame nin gaitas. 


M5 revisando as primarias

  Por certo que segue por aló o cuco xuvenil, outro bicho nada doado de fotografar.

Cuco (Cuculus canorus)
 
 Finalizamos con varios zigópteros atopados á beira do Xuvia. Aquí si que é un pepino a OM-1 co Zuiko. A ver se recupero o pulso perdido para non ter que irme a velocidades tan altas.

Gaiteiro azul (Calopteryx virgo) macho
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:800   V:1/640    F:9

Gaiteiro azul (Calopteryx haemorrhoidalis) femia
OM-1 + Zuiko 100-400 mm   ISO:400   V:1/640    F:7,1

 Ben, estamos en agosto. Comeza a migración quizá máis esperada polos ornitólogos: a das limícolas. En canto se poña vento de SW haberá que comezar a controlar os humidais habituais e ir esquecendo os meus queridos campos de Moeche (que tanta vida me deron nestes dous meses tan difíciles).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos