Hoxe remato as vacacións e quería facelo en Moeche, que me recibíu cunha mañá solleira mas fresca (9,5ºC ao chegar). Houbo que poñer xersei e cazadora durante a espera mustélida.
Tanto na visita de hoxe como na de antonte non observei ningún picanzo vermello (Lanius collurio). Únicamente escoitei algún reclamo. Tamén é certo que pasou algún coche e unha vella cun can que (pareceume) puideron levantar algún exemplar antes de pasaren eu. Tampouco fixen o transecto do norte. Non obstante, a non observación directa de ningún exemplar nos outros dous itinerarios parece indicar que comezaron marchar dos seus territorios, quizá nomadeando pola zona ou mesmo en auténtica migración rumo África.
As que seguen por aló son as anduriñas (Hirundo rustica). Varias deceas de exemplares levan días concentradas nun prado de Penas Albas. Coma novidade os dous primeiros picafollas musicais (Phylloscopus trochilus), ún escoitado e outro visto. Xa antonte me parecera escoitar o seu canto inconfundíbel.
O mellor da xornada foi a observación dunha rata de auga común (Arvicola sapidus) observada no transecto do medio. Un exemplar cruzou a estrada nunha zona de prados húmidos cun regato pantanoso que xa me tiña moi boa pinta para a especie. Non puiden sacarlle foto así que poño a ilustración que ven na magnífica guía "Mamíferos de España" (Purroy & Varela, Lynx Edicions 2003):
A rata de auga pertence á familia dos micrótidos (Microtidae). A diferenza das ratas ou ratos típicos (Muridae) os micrótidos desprázanse correndo mentras que aqueles fano a saltos. Ademáis hai importantes diferenzas morfolóxicas respeito aos múridos, como son unha cola máis curta, un corpo máis cilíndrico e unhas orellas moito menores. Por desgraza para eles ambas as familias son a base da cadea trófica para moitos depredadores.
Coma outros micrótidos asociados aos hábitats de prado, podemos detectalas mellor polos seus rastros. A rata de auga fai galerías entre a herba e os xuncos moi características (había moitas no sistema dunar da Frouseira hai 30 anos).
Os seus excrementos son tamén moi fáciles de identificar pola sua forma e cor verde. Poño unha foto deles que me pasou Manuel Arzúa:
Xa contei nalgunha ocasión o sucedido en xuño de 2012. Observaba un raposo que estaba alimentándose nun prado de Valdoviño e esperei a que terminase. Daquela fun ata alí para ver se achaba restos da presa e atopei unha especie de pequena "bolsa" ou "globo" de aspecto brando. Abrino e comprobei que contiña herba a medio dixerir. Era o estómago dunha rata de auga. O único que o raposo non quixera comer do infortunado micrótido (polo visto rexeita as verduras igual que algúns dos meus seguidores).
Manu Arzúa estivo a colaborar na sondaxe que coordinou Jacinto Román (Estación Biolóxica de Doñana) nos anos 2011 e 2012. Poño o mapa de distribución que se publicou na revista Galemys coma resultado dese traballo (1):
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos