Cando digo que estou "mellor" anímicamente non quer dicir que estea ben (os danos emocionais foron terríbeis e probablemente serán permanentes). Onte tiven unha recaída importante e hoxe tomaba a mañá libre para relaxarme na lagoa da Frouseira, que segue aberta.
Estamos xa nas datas ideais para a pasaxe de limícolas (finais de agosto a primeiros de outubro). Só é necesario que os ventos viren a compoente suroeste para que o intermareal se encha de aves. Polo de agora dominan os de compoente norte, que traen moita nubosidade e temperaturas frescas, mas poucas limis. Esta mañá realizaba un censo completo con estes resultados:
- ++ Patos cincentos (Mareca strepera). Repito que durante a fase de muda non censo as anatídeas reprodutoras polo tempo de observación que iso implica
- ++ Lavancos reais (Anas platyrhynchos). Como digo non os censei pero así a ollo nótase claramente que hai menos patos que a principios do verao. Deberon sair en dispersión grupos de machos para mancar noutros humidais
- 9 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca)
- 7 Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis)
- + Zurrascas eurasiáticas (Rallus aquaticus). Escoitados varios adultos e observados 2 xuvenís do ano na zona da "Pesqueira"
- 7 Galos de auga comúns (Fulica atra)
- 7 Píllaras reais (Charadrius hiaticula)
- 1 Mazarico real (Numenius arquata)
- 1 Arceúcha das brañas (Gallinago gallinago). Haberá que afacerse ao novo nome consensuado para a becacina de toda a vida. Vaime custar...
- 8 Biluricos das rochas (Actitis hypoleucos)
- 1 Bilurico manchado (Tringa glareola) no intermareal
- 1 Bilurico pativerde (Trinta nebularia)
- 1 Pilro groso (Calidris canutus)
- 20 Pilros tridáctilos (Calidris alba)
- 6 Pilros comúns (Calidris alpina)
- + Gaivotas típicas. N.C
- 1 Cegoña branca (Ciconia ciconia). Hai anos sería algo extraordinario. Xa non; de feito entereime que este ano criou unha parella en Narón, concello limítrofe con Ferrol. Non direi que me alegre por esta (mala) nova
- 2 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
- + Garzas reais (Ardea cinerea)
- 1 Cullereiro común (Platalea leucorodia)
Un grupiño de limícolas estaban nunha lameira próxima ao paseio peonil e puiden tomar fotos decentes. Aínda así a distancia era dabondo para o Zuiko e houbo que recurtar todas as imaxes.
O pilro groso é moito máis tranquilo, aínda que este exemplar estaba máis lonxe (e con pior luz):
Os que se achegaron a "distancia reflex" foron os pilros tridáctilos:
O pampo de maio (Numenius arquata) andaba o outro fin de semana polos campos da Taraza de Meirás.
ResponderEliminarÍache comentar e esqueceume
Unha matización. O pampo de maio é Numenius phaeopus, non Numenius arquata, mazarico real de toda a vida. En Taraza sería con certeza un pampo de maio.
Eliminar