Seguidores e seguidoras

sábado, 21 de decembro de 2024

21/12/2024 Mergo grande (Mergus merganser) na Frouseira

  Esta mañá achegueime de novo até a lagoa da Frouseira (Valdoviño). Ás nove da mañá caía unha chuvia feble mas persistente e a luz era mínima, así que xa nin tentei facer o censo sequera. 

 Un día máis na oficina

Intermareal da lagoa baixo a chuvia

  A nova do día foi sen embargo a presenza dun mergo grande (Mergus merganser), anatídea que non observaba desde había vinte cinco anos:

Mergo grande (Mergus merganser)
OM-11 + Zuiko 100-400 f:6,3    ISO:25.600   V:1/200    F:6,3


   Este pato pertence a unha familia especializada na captura de peixe e por iso teñen o peteiro aserrado. Xa tiveramos outro exemplar que sedimentara na lagoa entre o 30/11/1986 e o 8/03/1987 (un inverno extraordinario). Anos mais tarde vira outro exemplar, tamén femia, na ría de Ortigueira (22/01/1999), mes e pico depois de atopar un macho morto na praia de Cariño (08/12/1998). Desde aquela ata hoxe, unha mostra da escaseza da especie pola nosa zona. 

Mergo grande (Mergus merganser)
OM-11 + Zuiko 100-400 f:6,3    ISO:25.600   V:1/250    F:6,3


     Xa dixen que as condicións de luz eran horribles. Nestes casos dispor dun pepino profisional como é a OM-1 facilita as cousas. Houbo que esmerarse na edición dixital e deixar o ruido á I.A. pero obter estas imaxes tan nítidas cun ISO 25.600 é algo que cómpre valorar. Con moitos equipos tería saído unha simple mancha escura sobre fondo claro, coma quen di.

Mergo grande (Mergus merganser)
OM-11 + Zuiko 100-400 f:6,3    ISO:25.600   V:1/320    F:6,3

 A maiores do mergo grande hai que salientar varias observacións máis:
  • O ganso de bico curto (Anser brachyrhynchus), que segue por aquí
  • Un mínimo de 122 cercetas eurasiáticas (Anas crecca). Contadas en fotografía
  • Unha cerceta americana (Anas crecca carolinensis), que xa leva tempo na Frouseira
  • 1 posíbel gaivota do Caspio (Larus chachinnans). A ver que din os expertos. De primeiras e vendo que era maior que as michahellis pensei nun hiperbóreo. Logo vina mellor e xa me decatei que era outra cousa, pero eu de gaivotas tampouco controlo moito.
  • 6 Cullereiros común (Platalea leucorodia)

Ganso de bico curto (Anser brachyrhynchus)

Cercetas aurasiáticas e americana (no círculo azul)

Posíbel gaivota do Caspio (Larus cachinnans) entre patiamarelas

Cullereiros comúns e cercetas eurasiáticas
OM-1 + Zuiko 100-400 f:6,3   ISO:1600    V:1/250    F:6,3

  A verdade é que, a pesares da choiva, estaba ben a gosto. Entón chegou o primeiro delincuente cun can ceibe correndo todo louco pola zona da canle e marchei para non acabar a paus. En fin, iso tamén forma parte do "día a día na oficina".

1 comentario:

  1. Estupenda entrada, Xabi: que mergo tan chulo. Yo de serrator, tras ver cientos a lo largo de los años (sobre todo en Arousa), voy bien servido, pero de ésta no he visto ninguna. También opino, en mi despreciable opinión con esto de las gaviotas, que es una cáspica, pero eso: que hablen los oráculos. Un fuerte abrazo.

    ResponderEliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos