Seguidores e seguidoras

luns, 30 de decembro de 2024

30/12/2024 Esperando polas mobellas..... e arroás (Tursiops truncatus)

    Estou a aproveitar cada día feriado que teño para ir bichear un rato. Hoxe voltaba pola ría, esperando ver a primeira mobella (Gavia sp) da tempada. Hai unha semana vin un probábel exemplar que non puiden relocalizar para confirmar identificación. Vina brevemente mas semellaba unha mobella, pola forma de se mergullar: como "se tirasen dela para abaixo" (nos corvos mariños apréciase "o esforzo" da ave para baixar, especialmente no cristado, que mesmo dá un pequeno chimpo cara arriba antes de baixar).

   Hoxe aparecían 4 mergullóns de pescozo negro no Seixo, quizá parte dos "22 de Maniños" (que non estaban onde sempre), quizá exemplares novos.

Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)

  A garza branca grande que temos este ano resulta sumamente confiante e deixa achegarse moito ás persoas, ainda que nos peiraos estás moi alto e a foto fica sempre con "plano picado", que se di en fotografía. Espero collela mellor algún día. Hoxe levaba a equipa grande, que tamén hai que empregar de cando en vez para non esquecer o manexo (cambiar tanto de cámara é bonito mas cómpre mudar o chip). Non había moita luz pero iso á Olympus non lle supón problema ningún.

Garza branca grande (Ardea alba)
OM-1 + Zuiko 100-400 m  f:6,3     ISO:1600    V:1/400    F:6,3

Garza branca grande (Ardea alba)
OM-1 + Zuiko 100-400 m  f:6,3     ISO:1600    V:1/320    F:6,3

 E cando xa recollía todo para voltar a casa apareceu en escea un arroás (Tursiops truncatus):

Arroás (Tursiops truncatus)

   Nunca entendín moi ben por qué o nome galego oficial é "arroaz". Penso que na maior parte da súa área de distribución galega hai seseo implosivo a final de sílaba e dicimos arroás; da mesma maneira que dicimos mascato, non mazcato (como si din na Mariña de Lugo, por exemplo). Se o nome oficial de Morus bassanus é mascato, semella razonable que o de Tursiops truncatus debera ser arroás. Hai cousas dos taxónomos que me desconcertan moito, a verdade. 

Arroás (Tursiops truncatus)

   Divagacións lingüísticas á parte, este arroás semellaba un adulto solitario. Habitualmente entran na ría grupiños familiares, que mesmo poden achegarse moito aos peiraos dos asteleiros de Navantia. O de esta mañana penso que estaba so. Nadaba moi a modo e de maneira repetida facía manobras como para baixar até o fondo, como impulsándose coa cola (nesa zona hai aproximadamente 5 m de profundidade). A foto non reflicte ben a manobra.

Arroás (Tursiops truncatus) impulsándose para mergullar a augas fondas

    Por outra banda nos últimos anos vexo mais arroases durante o inverno que antes. A observación destes animais extraordinarios foi sempre habitual nos meses de verán e primavera tardía, cando entran en augas costeiras ou nas rías perseguindo sardiña. Unha das consecuencias máis preocupantes do cambio climático é o aumento das augas mariñas no Atlántico Norte. Supoño que dalgún xeito iso está a afectar a toda a biocenose que habita nel. Quizá por ese motivo agora vemos mais arroases nos meses fríos. Se hai algún lector do CEMMA que fale agora ou cale para sempre.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos