Seguidores e seguidoras

mércores, 4 de decembro de 2024

Serie: "Cuaderno de campo e días inesquecíbeis": observación de 600 tordos reais en Caque! (20/11/1999)

   Ún dos revisores de ebird-Lugo preguntábame o outro día se estaba seguro de ter visto 25 tordos reais (Turdus pilaris) en Cospeito. Polo visto superaba o filtro que teñen para considerar a observación como rara (co cambio climático dentro de pouco haberá que baixar o filtro a 1 ex!). Esa pequena anécdota lembroume unha gloriosa xornada vivida hai 25 anos.

Tordo real (Turdus pilaris)

   Non fora un novembro especialmente frío, aínda que xa caeran as primeiras nevaradas a 700 ou 1000m e o día 20 fun á Terra Chá. No macizo do Xistral aínda había algo de neve na cota dos 800-900 m (sempre fun un frikie da climatoloxía). Anotei no cuaderno de campo que estaba nuboso con chuvascos e houbera temperaturas de 6ºC (m) e 10ºC (M) na cidade de Ferrol. Eran outros tempos... 

   Primeiro pasei pola lagoa de Cospeito, onde contara 500 lavancos reais, 50-70 cercetas eurasiáticas, varias parellas de pato cincento e asubións comúns máis uns cantos galos de auga, por exemplo. Aquel outono estreara o meu primeiro telescopio decente: un Swaroski de fluorita e ocular recto. Logo quería achegarme á lagoa de Caque, mas non cheguei a ela. Nos campos anexos, que estaban a estercar, quedei abraiado coa cantidade de aves presentes. Especialmente pola cantidade de tordos reais e rubios, que estimei en máis de 1000 exemplares.  

Tordo visgueiro (Turdus viscivorus) e tordo real (Turdus pilaris)

     Os paseriformes terrestres son moi complicados de contar cando se alimentan nun prado. Ademáis levantan vóo cada dous por tres. Hai que ser moi rápido. Naquela época non tiña aínda a experiencia que teño agora pero levaba case quince anos censando e cando menos puiden facer unha estima decente: 600 tordos reais e 400 tordos rubios. Co que sei agora teño a certeza que o número real era superior. Ainda así esa cifra de 600 reais consta en ebird-Galiza como récord histórico da especie (a cifra de tordos rubios foi superada polas que sacou o amigo Vítor Cabaleiro nun durmideiro). Probablemente algún colega terá cifras superiores non subidas a ebird. Por certo, Emilio, os números de limícolas no Grove que estás a subir son directamente obscenos.

Tordo real (Turdus pilaris)

    Debo aclarar que naqueles anos non tiña sequer cámara fotográfica. Estas imaxes foron tomadas en 2014 coa Canon SX50 (por desgraza só gardei uns recurtes dos RAW orixinais). Nin que dicir ten que pasei de Caque e fiquei naqueles prados estercados e cheirentos, nos que desfrutei coma un porquiño na maseira. Para un censador ter diante un bando de aves imposibles de contar é orgásmico, sempre que non esteas de censo oficial, claro.

Tordo real (Turdus pilaris)

    Como dixen, eran outros tempos. Unha semana despois nunha visita á praia da Frouseira (Valdoviño) observaba un grupo de 27 escribidores das neves, daquela aínda común.

Escribidores das neves (Plectrophenax nivalis)

  Igual que no caso anterior poño fotos tomadas en tempos recentes. Concretamente hai cinco anos coa Nikon P1000, tamén na praia de Valdoviño. O último grupo que vin.

Escribidores das neves (Plectrophenax nivalis) na praia da Frouseira

Escribidores das neves (Plectrophenax nivalis)

     Desfrutemos mentras podamos todas estas aves que viñan co frío mentras aínda vaian chegando. Algunhas seguen vindo pero sempre en cifras moi cativas, nada que ver co que sucedía no século XX. Qué lonxe parece quedar xa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos