Teño o equipo grande un pouco abandoado, así que hoxe leveino pola ría. Para meu desgusto o Zuiko 300 f:4 comeza mostrar certas folguras na anclaxe (é o que ten comprar de segunda mao).
Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos). Tomas a formato completo
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:800 V:1/80 F:5
De todos os xeitos, por moi bon equipamento que leves e por moi perto que estea o bicho, se a luz e o fondo son malos pouco se pode facer, como pasou con este bilurico. É algo que aprendín co paso dos anos e comprobei en numerosas ocasións: é moito máis importante o contexto da fotografía que a cámara. Coma exemplo as fotos fantásticas que tomou Ángel a eses tordos no Forgoselo, cunha bridge de sensor 1/2,3" pero cunha luz preciosa e un fondo espectacular.
Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:800 V:1/80 F:5
A aguia pescadora segue por aquí. Outra mala nova é que o teleconvertidor MC1,4xnon me vai ben. Logo dunha caída desde o tripé esta primavera, semella que xa non fai bon contacto entre o corpo da cámara e o teleobxectivo. Sería de grande utilidade para esta foto.
Aguia pescadora (Pandion haliaetus). Recurte desde uns 200 m aprox
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 ISO:200 V:1/320 F:4
Como non hai moitas novidades aproveito para publicar unhas fotos antigas. Estas imaxes son un recordatorio de que SEMPRE cómpre gardar os arquivos RAW.
Noutro momento de enaxenación mental non o fixen e agora só dipoño de recurtes a 600x800 e 600x900 píxeles dun momento histórico coma foi observar un grupo integrado por mergullóns de pescozo negro en plumaxe nupcial, un mergo cristado e unha havelda. Case nada.
Mergullóns de pescozo negro, mergo cristado e havelda
Aconteceu en marzo de 2021, aínda superando a crise do COVID. Sen lugar a dúbidas un "momentazo" deses que se viven cando menos o esperas. O que daría por dispór dos arquivos sen comprimir para poder editalos e melloralos con todo o que sei agora!
Havelda e mergullóns de pescozo negro
Mergo cristado e mergullóns de pescozo negro
Sony RX10 III (focal 600 mm) ISO:400 V:1/250 F:4
Só gardara un RAW, que non era a mellor das tomas tampouco, e ademáis estaba lixeiramente desenfocada. É o seguinte:
Mergo, mergullóns e havelda
Nikon P1000 (focal 2600 mm) ISO:160 V:1/200 F:7,1
Catro anos despois fotografara os mergullóns cunha luz moi boa. Daquela levaba a Nikon P950, que vendín a Lucas Rouco, se non lembro mal (son moitas ventas e pouca memoria).
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Nikon P950 (focal 1500 mm) ISO:1600 V:1/320 F:6,3
Ignoro o motivo pero de todas as cámaras bridge que tiven, as Nikon serie P son quizá as que permiten un maior marxe de mellora con Lightroom. Este RAW dos nigricollis aparecía en bruto cunha cantidade de ruido moi alta, pero comecei a editala e quedou estupenda, cunha textura moi chula para ser a ISO1600, case no rango máximo dun sensor dese tipo.
Insisto aos lectores e lectoras na necesidade de disparar en JPEG+RAW. Quizá non o entendades agora moitos de vós. Co tempo comprenderédelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos