Seguidores e seguidoras

domingo, 13 de xullo de 2014

Galiñola negra (Fulica atra), a crónica dunha extinción en directo

   Dúas semanas sen publicar entradas de campo debe ser o récord neste blogue. Pero é que, para entendernos, acumulouse-me moito choio xunto. 
   Estou tentando pechar xa o censo de Galiñola negra (Fulica atra) nas localidades que me comprometín a controlar. Onte achegábame ao encoro das Forcadas con ese fin.


   Só para confirmar o que xa imaxinaba despois das primeiras visitas. De seguir esta tendencia alarmantemente negativa, a Galiñola negra (Fulica atra) está a piques de desaparecer como nidificante na comarca de Ferrolterra (ao igual que na maior parte do país).
 A que foi unha das poboacións máis interesantes da especie a nivel galego, con unhas vinte parellas, está finiquitada, aparentemente. Digo aparentemente porque a esperanza nunca se perde. A observación de un total de 10 exemplares en hábitat e época axeitada para a cría manteñen aínda viva a posibilidade de que poida haber un episodio de cría este ano no encoro. Pero logo de varias visitas nas que non se detectou ningún indicio razonable (territorialidade manifesta, carrexo de material para niño, etc) pois a cousa pinta negra.

 Galiñola negra (Fulica atra)

 Se os rálidos están en franco declive, aos podicípedos vailles bastante mellor, e podía censar un mínimo duns 10 territorios ocupados de Margullón pequeno (Tachybaptus ruficollis) e unhas 5 parellas de Mergullón cristado (Podiceps cristatus), que xa sacaron adiante unha rolada.

Familia de Mergullóns cristados (Podiceps cristatus)

   O noso medio natural está cada ano pior. Non hai como a acumulación de horas de campo para ter unha visión xeral e con perspectiva histórica sobre a evolución da fauna. Pensas nos resultados das túas primeiras saídas, cando apenas tiñas experiencia e case sen óptica, e os comparas co que agora sacas logo dunha mañá completa no mesmo lugar e.... as comparacións son odiosas... Esta Rá verde semella comprenderme moi ben coa súa fría mirada de anfibio:

Rá verde (Pelophylax perezi)

  Falando de rás, nestes días os cágados dos nosos anuros xa completaron a metamorfose e aventúranse polo mundo exterior. Un mundo que certamente pode ser moi, pero que moi perigoso, coma ben puido comprobar este pequerrecho de Estroza (Hyla arborea), atascado nun tecido de araña.


  Neste caso ía intervir para sacar a infortunada raniña daquela trampa, pero non fixo falta. Saíu ela soa grazas ás súas ganas de sobrevivir.
  Outros non tiveron igual sorte.

Saltón (Fam. Acrididae) capturado por Araña tigre (Argiope bruennichi)

 Levamos semanas de tempo moi nuvoso. As mañás en Ferrolterra soen ser de ceo cuberto muitas xornadas do ano, mesmo no verán (aínda que á tarde poda saír o sol con forza), mais isto comeza a cansar. Acaso sexa por este mal tempo que a vida animal non acaba de "explotar" por estas terras.
 Varios odonatos atrevíanse a pesar da mañá desapacible. Lamentablemente aínda estou en fase de aprendizaxe con este grupo de insectos, e perdín ocasión de afotar mellor algúns detalles diagnósticos que axudarían na identificación (deixara a guía de Miguel A. Fernández na casa).
 Se alguén quere botar unha mao ou corrixir, agradécese:

Lavacú sp femia (Sympetrum sanguineum?)

    Eu son partidario de asignar nomes vulgares aos invertebrados ou vertebrados menores, tanto se proveñen do léxico popular coma se hai que "inventalos" ou importalos directamente do portugués. Pero paréceme que son moi útiles (cando menos a nivel de familia/xénero).
  No caso das Libeliñas temos en galego varias categorías propostas para as diferentes familias e eu vounas empregar: Lavacú, Candil, Gaiteiriño ou Donceliña, por exemplo.

Gaiteiriño sp (Lestes sp)

 Ben, e con estas fotos de bichos deixámolo por hoxe. Ata... cando se poida.

martes, 8 de xullo de 2014

Em defessa do naval

  Aínda nom estou  recuperado do "trauma" de hoje. Umha bióloga que se pom em contacto contigo para lhe ajudares na tesse sobre o Lagarto arnal (Timon lepidus ibericus) escreve-che em inglês. Até aí todo normal. A surpressa, maiúscula, acontece quando me comenta que é portuguessa!!

 A chaladura normativa em que se converteu o nosso idioma galego original, deturpado, castrado e convenientemente castelaniçado na sua forma gráfica é a culpável desta autêntica aberraçom, desta barbaridade que aínda estou tentando assimilar. Um feito surrealista coma que um vizinho português se dirixa a um galego por correio em inglês!!!. Até aqui chegamos, senhores e senhoras. Desde logo que figérom um fantástico trabalho alguns que me sei eu...

  Hoje estou certamente acalorado. Entre isto da portuguesa (por umha banda), os calores derivados do verao e o calor do meu coraçom, que arde nestes momentos con enorme intensidade, pois era inevitável que esta manhá acontece-se isto:


  Eu simplesmente deitei um pneu na rotonda do polígono da Gándara. Semelha que a elevadíssima temperatura que havia nesses momentos naquela zona, provocada polo meu acaloramento,  provocou o resto.
 Som tempos de reivindicaçom. O naval necesita carga de trabalho ( e convénio, que nos esqueçemos disso!). Ferrol necesita do naval. Ninguém gosta de ter que curtar o tránsito, mas há circunstáncias que a justificam davondo.

 CARGA DE TRABALHO, JÁ!!!


Arde Galiza. Arde Ferrol...... Ardo eu.

luns, 7 de xullo de 2014

Conferéncias sobre Natureza en Valdoviño

 Teño isto un pouco abandoado, pero hoxe imos facer un chisco de publicidade.
 Durante estes meses de verao realizarase un ciclo de conferencias sobre Natureza no concello de Valdoviño (A Coruña). Organizada por unha asociación chamada "Valdoviño Azul", decidín participar logo de que os amigos do Grupo Naturalista Hábitat se puxeran en contacto conmigo para lles botar unha mao.


 As charlas serán na Casa da Cultura ás 20, 30 en diferentes xornadas ao longo de Xullo, Agosto e Setembro, para finalizar cunha saída ao campo con recollida de fotografías de taxóns animais e vexetais para a súa posterior identificación, unha actividade que se denomina bioblitz.

 A primeira charla dareina en español. O cartaz fixérase inicialmente nese idioma e, unha vez visto, case preferín deixalo así (por parte da organización no había problema ningún en cambialo). Sobretodo tendo en conta que nestes meses hai moita xente de fóra no cercano cámping de Valdoviño. A ver se vén algún andaluz, catalán, italiano ou sueco que faga algo para protexer a lagoa. Porque como esperemos a que desde a nosa administración se mova alguén en serio por asuntos de conservación... estamos fodidos.

 E se queredes publicitar isto por ahí pois se agradece.