Logo dunha noite tropical (20ºC de mínima en Ferrol máis outra vez), mencía con algunhas pingas de auga mentras conducía rumo a Moeche pola autovía. Estaba tempo de trebón e, de feito, hoxe acadáronse os 35ºC en Ferrol. En setembro. Non hai cambio climático, claro que non.
Ceo de treboada
Sony RX10 III (focal 34 mm equiv.) ISO:40 V:1/200 F:3,2
Cada día aprezo máis facer os meus paseos naturalistas con equipamento lixeiro. Habitualmente xa nen levo binoculares. E a Sony RX100 resulta moi cómoda de levare. Non ten a luminosidade da Olympus OM-1, mas cumpre perfectamente.
Mencer nas Regas de Moeche.
Sony RX10 III (focal 34 mm equiv.) ISO:3200 V:1/40 F:2,8
Abrindo o diafragma ao máximo e baixando a velocidade pódense tomar fotos panorámicas a pulso sen moito problema, mesmo nas horas do mencer.
Sony RX10 III (focal 24 mm equiv.) ISO:400 V:1/60 F:2,5
Moitas veces apoio a cámara sobre unha estaca e emprego o autodisparo.
Falando de bichos, hoxe anotaba varias cousas interesantes en Moeche:
- Unha soa noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus). Tamén é certo que cheguei xusto no momento en que se adoitan retirar.
- Unha avelaiona da fraga (Strix aluco) cantando ao sur das Regas. Había tempo que non se viña escoitando. Supoño que ao rematar a tempada reprodutora volven marcar territorio
- Ningún picanzo vermello (Lanius collurio) observado claramente. Vin dous paxaros en T2 que mo pareceron. No resto dos territorios controlados nada
- Unha papuxa común (Curruca communis), probablemente acompañada de 1 ou 2 exemplares máis.
Papuxa común (Curruca communis). Toma testemuñal
Encántame este páxaro da familia Sylviidae. Por motivos de idade tocoume ser testemuña da súa progresiva extinción na comarca de Ferrol (diría que en toda a faixa litoral galega).
Aos leitores máis novos sorprenderalles, pero esta especie era reprodutora común e amplamente extendida en lugares coma Narón ou Valdoviño na década dos oitenta. Case sen darnos conta foi diminuíndo pouco a pouco até converterse nunha especie con presenza exclusiva da pasaxe outonal. É probable que aínda fiquen exemplares reprodutores nas comarcas máis montañosas do interior da Coruña. As poboacións máis próximas a Ferrol que coñezo son as da Terra Chá luguesa.
Sony RX10 III (focal 80 mm equiv.) ISO:100 V:1/80 F:3,5
En fin, outra mañá de terapia no meu local patch de Moeche. Mañá igual toca Forcadas.
"Aparcadoiro" nas regas de Moeche
Sony RX10 III (focal 45 mm equiv.) ISO:200 V:1/160 F:4








Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos