Seguidores e seguidoras

martes, 1 de setembro de 2026

Comezamos setembro en Forcadas

    Estou a coller días feriados que tiña pendentes e hoxe voltaba ao encoro das Forcadas. 

Cola de Vilaboa
Sony Rx10 III (focal  110 mm equiv.)  ISO:400   V:1/100   F:4,5

   Cando vou usar telescopio resulta moito máis cómodo levar a cámara bridge. Tamén facilita tomar fotos e paisaxe, pois non tes que andar cambiando o obxectivo.

Ponta de Loiravella
Sony Rx10 III (focal  50 mm equiv.)  ISO:200   V:1/60   F:4,5

   Antes os paxareiros íamos a Valdoviño, a Cospeito, a Ancares ou a Ortigueira. Actualmente van "ao melanotos", "aos maritima", "aos sisóns",... "ao canelo"... Moitas veces guiados por unha chincheta de google maps que alguén pasou por whatssap. Eu continúo a explorar e coñecer os espazos naturais galegos que me interesan, coma fixen toda a vida. Son un bicho raro, supoño.

   Hoxe baixei por un camiño que permite achegarse á ponta de Loiravella. 

Explorando novos territorios

Ponta de Loiravella

  Arrimei un tronco medio podre onde poder sentarme, recollín as patas do tripé e dei por inaugurado un novo observatorio.

"Observatorio" novo

     O que eu chamo "Ponta de Loiravella" é un lugar moi frecuentado por limícolas durante a pasaxe migratoria. Se o nível hídrico non estivese tan baixo existen varios lugares onde se poden fotografar relativamente perto as limícolas. Agora resulta complicado porque a ribeira fica moi aberta.

  Na seguinte imaxe, moi recurtada, pódese ver catro biluricos de as negras (en círculo verde) e ún manchado (círculo vermello). Son case 300 m de distancia, ollo.

Biluricos de ás negras (Tringa ochropus) e bilurico manchado (Tringa glareola)

 O bilurico manchado foise achegando algo cara a miña posición e conseguín sacar algunha imaxe medio decente na que, cando menos, podemos identificar a especie.

Bilurico manchado (Tringa glareola)

Bilurico manchado (Tringa glareola)

Bilurico manchado (Tringa glareola). Toma recurtadísima

Bilurico manchado (Tringa glareola) e outras spp

   Voltaba por terras de Santa Mariña do Monte e observaba o primeiro trallón cincento da temporada. Por certo, ignoro quén foi a persoa da comisión lingüística que impuxo o adxetivo cinsento (en vez de cincento) para diferentes especies na nova lista de nomes galegos, pero nin o entendo nin o comparto. Escoitara algunha explicación en galiciaves pero sigo sen velo. Ou hai seseo explosivo en toda a palabra ou non o hai (1). É algo que me sigue a parecer antinatural e me nego a empregalo.

Trallón cincento (Muscicapa striata)

    E ramatamos con un cuco, tamén cincento.

Cuco cincento (Cuculus canorus)

  A fotografía de bichos é cousa de momentos. Dá igual o equipamento que teñas. Se está a 200 metros, con forte contraluz ou se move rápido xa podes ter o mellor equipo do mundo que non vai sair ben. Porén, hoxe este cuco pousaba nunha estaca que tiña un fondo moi interesante, con pingas de auga que caían nese momentos. A luz era tamén moi boa. Eu achegábame no carro pouco a pouco e a ave semellaba confiada. Baixou facer unha captura a un prado e aproveitei para avanzar uns metros ata poñerme a unha distancia perfecta para a Sony RX10 III. 

   O cuco voltou á mesma estaca, poñéndose "a huevo" que se di vulgarmente. por desgraza xusto nese momento miraba polo retrorivor e vín un carro cun paisano esperando que me apartase. Non me quedou outra que arrimarme para deixalo pasar. E adeus cuco!!

   Poño esta foto, antes de que me aproximase. Qué fotón perdín por culpa do paisano aquel...
 
Cuco cincento (Cuculus canorus)
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv)  ISO:400   V:1/250   F:4

(1) No noso país temos dous tipos de "seseo", a pronunciación do fonema interdental (z/c) coma - s -. O chamado "seseo implosivo" é cando se pronuncia só a final de sílaba: mascato, des,.. (meu pai falaba con este tipo de seseio).  O coñecido coma "seseo explosivo" é o que se fai a inicio de sílaba tamén: sinco, sereixa, vesiño. É un rasgo compartido co portugués e co español de Andalucía que aquí se dá principalmente nas Rías Baixas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos