O pasado martes dei un longo paseio de 12 Km que me levou até as parroquias de Santa Icía e San Pedro de Leixa, onde tantas horas teño botado cando neno:
Paisaxes de Santa Icía (Ferrol)
As numerosas canles de rego e gavias da estrada adoitan ter anfibios, sempre que teñan augas limpas e dispoñan dalgún remanso.
Sobre o fondo do regato unha figura inconfundíbel, cada día menos habitual: a píntega común.
Cucharón de Píntega (Salamandra salamandra)
As flores máis temperás comezan encher prados e lindeiros forestais. Unha das máis características é o Agrón de prado (Cardamines pratensis), moi abondoso na comarca de Ferrol.
Prado inzado de Cardamine pratensis
Agrón de prado (Cardamine pratensis) Fam. Cruciferae
Nos prados máis enchoupados e lugares pantanosos destaca a Herba centella (Caltha palustris).
A sua flor está formada polos sépalos, non polos pétalos, como adoita ser normal nas anxiospermas (plantas con flor). Se lembrades do que estudamos no colexio, os sépalos son as follas verdes e duras que conforman o "cálice", mentras que os pétalos son as follas brandas e vistosamente coloreadas que forman a "corola". Sen embargo na Herba centella únicamente os sépalos rodean os estames (para poder apreciar éstes foi necesario reducir case a tope as altas luces na fotografía).
Herba centella (Caltha palustris) Fam. Ranunculaceae
As beiras dos camiños, con substrato máis seco, medra a Chuchamel ou Estruga morta, especialmente sobre substratos nitroxenados.
Chuchamel/Estruga morta (Lamium maculatum) Fam. Labiatae
En contraste coa beleza da nosa flora temos a porcallada dos verquedoiros ilegais, como éste que atopaba baixo unha autovía.
Ou estoutro, mesmo xunto á estrada.
Ademáis do lixo convencional temos o lixo paisaxístico, un valor cultural identitario da nosa terra que produce vergoña allea.
Escultura abstracta anónima
En fin, a pesares de todo foi unha camiñata moi relaxante, que me levou até unha das últimas granxas de vacún que nos quedan no concello de Ferrol.
Estrada de San Pedro de Leixa
Cánto teño aprendido entre os seus carballos e ameneiros sendo neno! Case corenta anos despois volvo percorrer aquelas terras e me parece escoitar de novo as voces alegres daqueles rapaces que desfrutaban escoitando o canto aflautado do Ouriolo, asexando ao Peto oculto entre as pólas do ameneiro ou apañando tritóns e rás nas pozas de inverno.
Se tedes ocasión visitade esta parte do Concello, antes de que desapareza.
Pequena fraga relítica (Quercus robur/Alnus glutinosa)
E aquí remata este paseo pola miña terra. Tentarei seguir actualizando o blogue con fotos que teño sen publicar e con reedicións de vellas entradas.
Bonita entrada =) Pero co gallo da túa primeira reflexión, dos cans e tal... que acontecerá con Vadoviño e tantas outras praias esta primaveira, coas píllaras? Será unha tempada de cría marabillosa? É retórico, claro. A ver como avanzan as tornas...
ResponderEliminarDesde logo esta crise será demoledora para o emprego, a economía e a felicidadee das pesoas. Sen embargo para o Medio Ambiente será extraordinariammente positiva, debido especialmemnte a un moito menor consumo enerxético e a ausencia (teórica) de humanos no medio. Un pequeno "descanso" que a Natureza agradecerá, sen ningunha dúbida. Esperemos que a Píllara das dunas saia beneficiada tamén. Aínda que os putos mascoteiros han buscar algún truco legal para visitar as praias. Al tiempo.
EliminarGrazas por comentar, Antón.
Poucos nenos quedan interesados nestes temas naturalistas, é certo. Supoño que imaxinarás a cara que pon o 99% dos meus compañeiros cando aparezo nunha hora libre en clase e en lugar de poñerme a adiantar os deberes de mates ou falar de calqueira cousa saco miña guía Svensson e me poño a estudar os nomes científicos ou as características de corenta especies de "gaivotas" todas "iguais"... "Pero para que miras iso, se son todas as mesmas gaivotas que che rouban o bocata!"
ResponderEliminarParece ser que é menos interesante que botar a tarde mirando vídeos de Youtubers contándote a súa vida, ou mirando as stories de Instagram...
Agora teremos que pasar estes días pechados na casa. Eu teño a sorte de ter unha finca cuns cantos carballos de case 50 anos enfrente da miña ventá, e sempre andan pululando por aquí os tordos, os picafollas, os carpinteiros... Creo que é unha sorte poder disfrutar dunha tarde simplemente cuns prismáticos e mirando pola fiestra, e é unha sorte que a maioría dos meus compañeiros non teñen.
Unha aperta
Nicolás
Desde logo que é unha sorte, Nicolás (se ves as "vistas" que teño desde a miña casa en Ferrol morres de noxo). Aínda que así nunca chegarás a ser un "influencer" deses, haha...
EliminarApertas, rapaz
PD: Boa guía a Svensson. Se ves a que tiña eu á tua idade alucinas. Non crerías que podíamos identificar nada...
A guía foi o regalo conxunto entre Nadal e Reis, o meu único regalo e... dos mellores que me teñen feito nunca! Hai que ir sacando o material custoso de onde se pode... hahaha
EliminarApertas
Eu pasarei a cuarentena teletraballando con dous nenos pequeniños aos que entreter. Toda unha experiy.
ResponderEliminarImaxino que por aquí teremos Bichos vintage para manternos entretidos? Hehehe.
Apertas e bonita entrada.
Biquiños,
Inés González
Haberá "Bichos Vintage", desde logo. Tamén entradas con fotos que teño gardadas sen publicar ou algunha compartativa fotográfica, quizá.
EliminarBicos e a coidar eses dous pequerrechos.