Desde a irrupción do caranguexo vermello e do visón americán fago controis non sistemáticos das poboacións de anfibios, aínda que probablemente han acabar desaparecendo, como aconteceu nos encoros de Sabón ou Cecebre. Mais polo de agora van aguantando.
Pintafontes verde (Triturus marmoratus) macho (esda.) e femia (drta.)
O sábado puxen a José Ramón Castro a levantar unhas cantas pedras (eu sigo pachucho) nun lugar no que realizo habitualmente as mostraxes. Con alegría atopamos varios grupos de pintafontes verdes e palmados. Algún deles andaba metido no tobo dos cangrexos, que agora fican case inactivos.
Pintafontes ou tritón verde (Triturus marmoratus) macho
Logo de moitos anos observándoos non acabo de entender moi ben a feneloxía reprodutiva dos tritóns ferroláns. Se atendemos ás indicacións do mestre Galán e outros herpetólogos de referencia entrarían na auga por Novembro-Decembro, para saír en Maio-Xuño. Sen embargo eu nunca atopei larvas antes de Abril e penso que por Febreiro-Marzo aumenta claramente a cantidade de exemplares na auga, sobretodo de Lissotriton.
Grupo de pintafontes verdes
Estes individuos, atopados baixo pedras en seco, amosan claros signos de celo (as cristas dos machos o máis evidente), aínda que nalgún caso semella que xa estaban desaparecendo. Todo indica que estaban en plena actividade reprodutora e se viron obrigados a agocharse baixo as pedras debido a un descenso brusco do nível. Cómpre lembrar que este encoro abastece de auga potábel á comarca de Ferrol e sofre importantes ateracións hídricas se a empresa que o xestiona así o decide. Iso pasou en Marzo de 2016 (preme) por culpa das obras nun colector.
Tritón verde (Triturus marmoratus) macho
Achamos tamén uns cantos Pintafontes palmados (Lissotriton helveticus), unha desas especies que me devolven á infancia, cando andaba na sua procura en charcas e regueiros de Narón.
Pintafontes palmado (Lissotriton helveticus) macho "terrestre"
Os Palmados mostraban un aspecto case de "fase terrestre", coa cloaca menos avultada, sen cristas ou filamentos caudais e coas palmaduras moi minguadas, mesmo en exemplares que atopamos activos nas augas do encoro.
Pintafontes palmado
Illote na zona de A Rañoa
De manterse este nível hídrico tan baixo, o número de acuáticas reprodutoras será mínimo (máis aínda), por estar as masas de vexetación palustre moi afastados da auga. Aos mergullóns pequenos aféctalles menos pois constrúen os niños en augas abertas se fai falta. Varios deles mostrábanse moi nervosos este sábado, con perseguizóns territoriais e cortexos evidentes.
Mergullóns pequenos (Tachybaptus ruficollis)
Ún deles mesmo subíu á plataforma dun vello niño que teño controlado.
Mergullón pequeno sobre plataforma dun niño antigo
Aínda se ven grupos de Corvos mariños reais, especie que aumentou exponencialmente a súa poboación logo da introdución da Boga (un ciprínido ausente nesta conca).
Corvos mariños reais (Phalacrocorax carbo)
O forte vento destes días achegou bandos de gaivotas a este humidal.
Gaivotas patimarelas (Larus michahellis)
Outras que non marcharon aínda son as fermosas cercetas.
Parella de Cercetas reais (Anas crecca)
O máis salientábel foi a observación dun Bilurico alinegro. Botei tres meses sen ir por aló e non sei se é invernante ou migrante primaveral
Bilurico alinegro (Tringa ochropus)
En fin, un lugar tranquilo para pasear nestes días de Marzo.
Ribeira das Cortiñas
Quién me enseñaría a mí a levantar piedras y no fueron Vascos.Bonitos( Triturus marmoratus).
ResponderEliminarPor fin bichos de verdade!! ;))
ResponderEliminarApertas,
Martiño