Seguidores e seguidoras

mércores, 12 de agosto de 2020

As últimas tartarañas (Circus spp)

   Durante a visita á montaña ourensá tiven poucas observacións ornitolóxicas destacábeis. O deterioro do noso medio natural é xeralizado, a todos os níveis e por causas múltiplas, mesmo nun lugar antes tan rico como as serras orientais. Porque as sensacións que percebín nos percorridos realizados esta pasada fin de semana foi dunha tristura e dun siléncio altamente preocupantes, por moito que esteamos a primeiros de Agosto.

 Val glaciar de Cenza

  O sábado vin mencer na mesma serra, a onde chegaba de noite. Mas só atopei unhas cantas aves comúns coma lavercas, azulentas, papuxas montesas, chascas comúns ou tordos charlos. Únicamente cabe salientar un grupiño de picas campestres coma especie destacada.

Cumes da Serra de Queixa sobre o val de Cenza

  Preocúpame especialmente a ausencia da chasca norteña (Saxicola rubetra), da que hai dez anos chegara contar unhas 3-5 parellas reprodutoras. Nesta ocasión prospectei intensamente as dúas brañas onde as tiña localizado sen atopar ningunha. Quero pensar que foi un erro meu de mostraxe ou algún movimento dispersivo dos grupos familiares.

 Laverca (Alauda arvensis) xuvenil

 Tordos charlos (Turdus viscivorus)

Pica campestre (Anthus campestris) xuvenil
Nikon P1000 focal 2000 mm   ISO:125   V:1/500   F:6,3

    Co avanzo da mañá as correntes térmicas sempre facilitan a observación de rapinas. Ademáis dun grupiño de voitres leonados avistaba unha aguia cobreira en vóo de caza sobre unha ladeira de solaina (moitos ofidios non hai tampouco nesta zona da serra).


 Voitre (Gyps fulvus) e Aguia cobreira (Circaetus gallicus

Aguia cobreira (Circaetus gallicus) e Voitre leonado (Gyps fulvus)

 O mellor veu coa observación de varias tartarañas, rapinas de tamaño medio que están a sufrir un declinio alarmante no noso país, tendo desaparecido de toda a faixa atlántica prácticamente. Xabier Vázquez Pumariño comentaba este descenso nun post publicado neste mesmo blog (1). Segundo os censos realizados o número de parellas de tartaraña cincenta (Circus pygargus) na Galiza pasou de 800-1548 en 2002 a só 172-287 en 2019. A situación da gatafornela (Circus cyaneus) sería máis crítica aínda, pasando de 68-119 en 2006 a só 20-25 na actualidade.

Gatafornela (Circus cyaneus) femia patrullando unha braña

  Por ese motivo os expertos están a solicitar o cambio na categoría das duas especies como "Vulnerable" para ser considerada coma "En perigo de extinción".


  Como causas desta diminución, nos diferentes traballos publicados apóntase á forestación do seu hábitat con especies de crecimento rápido, instalación de parques eólicos en hábitats de cría, á transformación dos cultivos e prados tradicionais por agricultura intensiva (de mainzal por exemplo) (3) ou mesmo a episodios meteorolóxicos extremos derivados do cambio climático (2).

Gatafornela (Circus cyaneus) foto moi recurtada
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:160   V:1/640   F:5

   Neste contexto a observación de calquer tartaraña autóctona en territorio galego é sempre motivo de alegría. Como esta femia cuxo vóo de caza puiden fotografar nunha turbeira de Cenza este sábado.

 Gatafornela pousada nunha turbeira de Cenza (Vilariño de Conso)

  Aínda que resulta difícil a identificación das femias de Circus, penso que é unha cyaneus pola cor do manto, polo debuxo nas secundarias e pola forma da "man" con cinco "dedos" (primarias). Corrixan os expertos se procede.


  Estaba bastante lonxe para a Sony pero grazas ao bon factor de recurte que ten as fotos valen perfectamente para publicar (a esa distancia e con boa luz debín usar a P1000...).

Gatafornela (Circus cyaneus) femia (Foto moi recurtada)
Sony RX10 III focal 600 mm  ISO:125  V:1/640   F:5

  Uns minutos antes atravesaba a mesma braña un macho de Tartaraña cincenta. Neste caso apenas puiden tirar umha foto testemuñal.

Tartaraña cincenta (Circus pygargus) macho

  O día antes tiven a fortuna de presenciar unha escena fantástica na subida ao porto de Tablillas, na fronteira con Zamora e por terras do concello de A Veiga. Unha primeira gatafornela aparecía sobrevoando a media altura unha ladeira da Serra Calva.

 Gatafornela (Circus cyaneus) femia na Serra Calva

  Insisto en pedir axuda na identificación, dada a dificultade que teñen estas plumaxes dos circus para os non expertos.

 Gatafornela (Circus cyaneus) femia en A Veiga (Ourense)

  Mentras tentaba fotografala apareceu en escea un Azor e automáticamente a gatafornela botouse a por el mentras emitía constantes voces de ameaza.

Gatafornela persegue Azor

  Durante varios minutos a gatafornela acosou ao azor até que marchou do lugar, no que semellaba claro comportamento territorial.


  Consultando as medidas de envergadura alar nas guías penso que o azor era unha femia, bastante máis grande e corpulenta que a tartaraña.

 Gatafornela (Circus cyaneus) atacando Azor (Accipiter gentilis)

  Logo aínda aparecería unha segunda gatafornela que se sumou ao acoso contra o Azor. A distancia era cada vez maior e apenas podía distinguir as rapinas, até que as perdín de vista.

Tartarañas atacan Azor

   Unha escena que difícilmente poderei ver na comarca de Ferrol, onde ambas tartarañas desapareceron hai xa décadas (a gatafornela era invernante habitual nas lagoas e sistemas dunares mentras que a cincenta criaba nas toxeiras e brañas dos montes).
   Esperemos que os naturalistas que están a estudar as tartarañas logren polo menos cambiar a sua categoría como especie ameazada de extinción. Iso debería conlevar un apoio máis decidido por parte da Administración cara a sua conservación.

(1) Sobre rapinas diúrnas galegas por C. Damián Romay Cousido (Bichos e demáis familia, Março/2020)
(2) Cambio climático como amenaza para la población de aguilucho cenizo en el noroeste peninsular (Xabier Vázquez Pumariño, ponencia Congreso Grupo Ibérico Aguiluchos 2019)
(3) Decline of Montagu's Harrier (Circus pygargus) population (Luis Tapia, Alberto Gil Carrera & Xabier Vázquez Pumariño

4 comentarios:

  1. Gracinhas polo post Xabi. A tua conclusom ("Iso debería conlevar un apoio máis decidido por parte da Administración cara a sua conservación") nom sei se será um brinde ao sol... Sou pesimista com estas duas espécies de tartaranhas...
    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois é possível que seja um brinde ao sol...Desde logo mentras tenhamos a peste do PP incrustada coma umha carracha em todas as administraçons difícilmente veremos actitudes positivas no relativo à conservaçom. E visto o visto a cousa nom tem pinta de mudar. Desfutemos o (pouco) que nos queda!

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos