As aplicacións para móbel son moi prácticas á hora de anotar observacións en lugares onde normalmente non o farías. Por exemplo na túa empresa. Agora que a teño instalada aproveito moitos desprazamentos que fago pola factoría de Navantia para recoller de maneira sistemática as aves que viven no asteleiro.
Esta mañá realizaba un transecto polos solares que hai detrás da zona de gradas. Unha zona de terreos baldíos que probablemente desaparecerá cando se constrúan as novas instalacións, que inclúen un enorme dique cuberto con guindastres tipo pórtico. Por certo, será unha obra moi necesaria para manter a competitividade de Navantia no mercado.
Vista dos solares de Navantia en google maps
Non tirei fotos de paisaxe mas si vos poño a imaxe que aparece no transecto subido a ebird. Básicamente é un solar industrial, con vexetación de mato e manchas de salgueiral, con algún pe de chopo maduro, especialmente no bordo que linda coa escola de especialidades da Armada.
Itinerario marcado en ebird
De regalo, atopaba pegadas de raposo (Vulpes vulpes) que forma parte xa da fauna do asteleiro, onde teñen entrado tamén corzo (Capreolus capreolus) e porco bravo (Sus scrofa).
Resulta paradóxico que o número de especies sexa parecida ou mesmo superior ao de moitos transectos realizados habitualmente por espazos naturais, o cal indica o enorme grao de deterioro dos mesmos. Porén, é moi agradable desfrutar desta riqueza ornitolóxica na Bazán, como aínda dicimos os veteráns do lugar.
Boas Xabi,
ResponderEliminarAsí é, este tipo de ferramentas abren novas e humildes formas de paxareo que antes non faciamos, ou polo menos non de xeito tan sistemático, como é facer listas no teu traballo, no teu xardín, ou nunha praza da cidade mentres agardas por alguén. Pero o estimulante é que canto máis miras, más sorpresas levas. Percateime disto na casa da miña nai en Ourense cidade, cando rexistrei un bicogroso facendo unha lista dende o balcón.
Quizá non te percataches dunha funcionalidade, podes seleccionar o nome das aves en galego, tanto na app coma na web. Tes que ir a preferencias e seleccionar o idioma.
Apertas,
Alexandre Justo
Decateime, Alex, decateime. Pero quixera eu saber con qué criterio foi elaborada esa listaxe en galego. Desde logo nen é a histórica de Penas Patiño e SGHN nen a máis actual e científica de Miguel Conde. Porque vaia nomes que aparecen, La Virgen: "Zurrasca" para Rallus aquaticus, "fuselo de rabo pinto" para Limosa lapponica, "picapau" para Dendrocopos, "lampareiro" (localismo do N lucense) para Haematopus ostralegus, "galo de auga" (????) para Fulica atra, "galguiñeira" para,Ixobrytchus minutus,....
EliminarNon serei eu o que contribúa a xerar mais confusión nun terreo no que xa había lío dabondo por ter duas sistemáticas difefentes, para que agora en ebird apareza unha terceira.
Estas cousas só poden ocorrer nun país como Galiza.
Boooas! Moi interesante o post pero fago dous comentarios: 1) o feito de que nesas parcelas urbanas haxa tal diversidade penso que se debe a que reúnen (de xeito certamente casual) as condicións mínimas de diversidade vexetal, lugares de nidificación e tranquilidade para que alí se asenten X número de especies. Moitas destas especies non teñen tantas oportunidades na contorna: por exemplo apenas hai aves ligadas a ambientes herbáceos abertos no casco urbano de Ferrol-Narón, e tamén escasean no resto do concello, inzado de eucaliptais, con aplicacións de pesticidas (herbicidas+insecticidas), molestias constantes (tráfico, xente), etc. É o que me ocorre "a vuelapluma", sen ánimo de sentar cátedra; só tentar dar unha explicación un pouco razoada ;) 2) Moi interesante o que mencionas dos nomes en galegos das aves de Galiza, Xabi. O tema é que desde 1977 houbo varias propostas de listas de nomes en galego, recopilo (coa axuda de Xosé Manuel Penas Patiño): Pedreira e Penas (1977, 1978 e 1991), Conde & Vidal (1991), Conde (1991 e 1999), Villarino, González e Bárcena (2002), Penas e Pedreira (2004) e De la Cigoña (2005). Logo hai algún traballo que trata tanxencialmente a nomenclatura (p. ex. a Checklist das aves de Galicia que fixen con Xabi Vázquez Pumariño en 2012). Tamén están, por suposto, as distintas propostas de Silverio Cerradelo (2000, 2008, 2013, 2018 e 2019) n'A Chave.gal e noutras publicacións. Ben, conscientes disto, varias persoas tentamos facer unha lista unitaria de nomes en galego, que coallou na Lista de las Aves de España que en 2019 publicou SEO/BirdLife (versión en galego en: https://seo.org/listaavesdeespana/). Esta lista de nomes ven sendo xa empregada, por exemplo, polo Comité Avifaunístico da Sociedade Galega de Ornitoloxía, e pretendía ser publicada na revista Chioglossa (de feito na lista de SEO aparece esa referencia como "en prep."). Así e todo, o ano pasado encetouse unha comisión de nomenclatura no que estamos máis dunha ducia de persoas (tamén Silverio, Penas-Patiño, Serafín González e Miguel Conde) que, lenta pero eficazmente, estamos "retocando" de facto esa lista que publicou SEO/BirdLife para, por fin, lograr unha lista unitaria sólida e aceptada por todos. Pídoche/pídovos paciencia, que está a cousa no forno. Mentras tanto, a lista de SEO/BirdLife cos nomes en galego é boa opción. Ah! E o de mourelo para Melanitta, picapau para Dendrocopos, cuco grallo para Clamator, etc. está máis que pensado e xustificado... Perdoa pola chapa, pero espero que así quede claro o asunto... Apertas, Damián
EliminarGraciñas Damián polas aclaracións tan xenerosas.
EliminarBueno Xabi, pois ahí tes o criterio. En eBird procuramos buscar as persoas que están a traballar con este tema dende fai tempo e tamén estamos a agardar con interese a lista unitaria e sólida da que fala Damián.
Moito ánimo Damián et al. con ese pedazo de curro!
Apertas,
Alexandre
Ben, vaia por diante que copiei ese enlace e premin "lista en gallego", aparecendo a páxina en branco con error 404. E nótase que sodes de ciencias (non de letras), porque ningún de vós aclarades qué lista é a de ebird. Só comentades que hai unha que aplica SEO/birdlife pero como non puiden vela no enlace non sei se é a que se aplicou en ebird.
EliminarAclarado isto, eu desde aquí xa anuncio que se esa lista unitaria vén con cousas coma "zurrastra" para o Rascón, "fuselo" para os mazaricos de bico recto ou "galo de auga" para a galiñola negra, desde ese mesme momento renunciarei a empregar a nomenclatura galega para sempre. E farei daquela como xa fan moitos naturalistas galego falantes (como Ricardo Hevia ou Gustavo Martínez) que directamente collen os nomes españois. Na miña opinión será un erro estratéxico que virá enterrar definitivamente o uso da nosa lingua no campo científico referente á ornitoloxía, aínda que se siga a usar en documentos ou publicacións académicas por catro eruditos. Pero esta historia xa a vivimos coas normativas ortográficas, que durante corenta anos pelexouse a ver cal era máis etimolóxica mentras se perdía a FUNCIONALIDADE.
De verdade que se esa lista se consolida... eu dimito...
Outra cousa....Unitaria? En serio será unitaria mentras o seitor reintegracionista maioritario segue coa escolla do padrón portugués? (temos algún deles en galiciaves). Porqueesaesotra...
EliminarRaro de ni haber verderón o jilguero por el Astillero,pero aún así una buena avifauna.
ResponderEliminarQue non hai qué? Volve mirar a lista, home.
Eliminar