Veño de facer unha camiñada polo barrio na que puiden ver o sol, asomando tímidamente entre o ceo anubado. Pola mañá a cousa era ben diferente:
Choiva sobre a cidade de Ferrol
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 (a 150 mm) ISO:400 V:1/500 F:6,3
Ollando á bocana da ría
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 (a 100 mm) ISO:400 V:1/400 F:6,3
Choiva sobre o estaleiro de Navantia
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 (a 100 mm) ISO:400 V:1/320 F:6,3
Hoxe quedaba con Manolo Rei, un fotógrafo da vella escola que provén da fotografía artística, e me dicía que non gosta que as imaxes queden excesivamente limpas de grao coa I.A. Revelei este RAW con redución de ruido ao 30%, deixando un pouco de chicha.
Gaivota patimarela (Larus michahellis)
OM-1 + Zuiko 300 f.4 ISO:25600 V:1/100 F:4
Nesta toma deixei que a I.A. limpase o 50% do ruido. Penso que aínda se ve natural.
Gaivota patimarela (Larus michahellis)
OM-1 + Zuiko 300 f.4 ISO:25600 V:1/125 F:4
Cando levaba media hora na rampa de Maniños o ornitólogo que aínda vive no meu corpo decidíu volver a tomar posesión del e colleu os binoculares do maleteiro. Xusto cando se xuntaron catro mobellas frente á vila do Seixo. Unha mágoa que non tivese o telescopio.
Mobellas (Gavia immer/arctica)
Mobellas (Gavia immer/arctica)
Rematamos cos mergullóns de pescozo negro. Hoxe o grupo maior estaba polo Seixo e en Maniños só observei dous exemplares. Sigo a pelexarme coa sua fotografía, nada doada.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Olympus OM-1 + Zuiko 300 + MC1,4x f:5,6 ISO:1600 V:1/500 F:6,3
Quizá ún dos problemas sexa que son aves moi inquedas, ademáis de estar sempre nadando e mergullando. Estou esperando que volten os días de sol para probar con velocidades de obturación máis rápidas. De todas formas con 1/400 ou 1/500 seg penso que debería abondar.
Mergullóns de pescozo negro (Podiceps nigricollis)
Olympus OM-1 + Zuiko 300 + MC1,4x f:5,6 ISO:1600 V:1/400 F:6,3
E veña augha!, que dicimos pola zona. Por certo, cando voltaba do paseo un rapás duns vinte anos que viña en patinete eléctrico preguntoume por unha rúa. O extraordinario foi que, sen coñecerme de nada, faloume en galego. Non lembro a última vez que algo así acontecera. Porque o noso idioma está morto entre os menores de 60 anos na nosa cidade.
Ferrol sempre foi a cidade galega onde menos galego se falou, supoño que por ser base naval importante con moita poboación de fóra. Pero agora mesmo resulta case imposíbel escoitalo polas rúas. Non minto se digo que resulta máis doado escoitar árabe ou español latino que galego, aínda que algúns viven unha realidade paralela e non o ven. O deste rapaz de hoxe emocionoume tanto que por uns segundos quedei parado sen saber como reaccionar. Déronme ganas de darlle un abrazo.









Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos