Seguidores e seguidoras

xoves, 19 de febreiro de 2026

Achégase a primavera. Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)

 Esta vindeira fin de semana a xente vai volverse tola na Galiza. Logo de moitas semanas sufrindo a chuvia, o vento e o frío semella que teremos varias xornadas seguidas de sol e sen vento. 

    Nos tempos actuais iso quer dicir que nas terrazas dos bares non haberá sitio e que as praias estarán cheas de xente, maiormente paseando cans ceibes. Antes case ninguén acodía ás praias en febreiro, por moi bon tempo que fixese. O mascotismo xerou un incremento exponencial das visitas humanas a praias e sistemas dunares fóra da tempada de verán; estean protexidos ou non, tanto ten. A tranquilidade das praias galegas durante o inverno é algo que boto moito de menos.

  No século XX a cousa era ben diferente. Daquela estes primeiros días "primaverais" eran simplemente un adiantado anuncio da primavera. Flores temperás coma prímulas ou herba centella, as primeiras bolboretas, moitos anfibios comezando o período máis intenso da súa actividade, as primeiras lagartixas e lagartos activos.... Entre eses réptiles está o esgonzo ibérico, ún dos lacértidos máis escasos do noso país, pola súa distribuición tan limitada ás comarcas máis térmicas e secas.

Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)
Sony RX10 III (focal 214 mm equiv.)    ISO:125   V1/1000   F:5,6

 En 2020 e grazas ás indicacións de Martiño Cabana (unha aperta!) puiden fotografar este exemplar no sistema dunar de Lariño (Carnota). Aquél é ún dos poucos lugares da provincia coruñesa onde podemos observar a especie. O húmido e pouco solleiro verán que temos no norte da provincia ao norte do Golfo Ártabro impede que poidan vivir aquí especies tan mediterránicas. 

Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)
Sony RX10 III (focal 390 mm equiv.)    ISO:100   V1/500   F:7,1

   Foi un auténtico luxo poder fotografar aquel fermoso esgonzo ibérico. Haberá que voltar algún día co equipamento actual.

Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)
Sony RX10 III (focal 144 mm equiv.)    ISO:100   V1/500   F:7,1

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos