Teño por costume levar a cámara preparada no asento do copiloto en canto conduzo por "terreo campestre". Hoxe non foi así e perdín unhas fotos moi boas de ourizo cacho. Porque atopei un exemplar na estrada que ficou inmóbel varios segundos, nunha posición perfecta para fotografar e ben iluminado polos faros do carro. Por desgraza tiña a Sony dentro da bolsa. Entre que a sacaba, a acendía e demáis, o ourizo xa marchaba, lonxe da zona con luz. Unha mágoa.
Ourizo cacho (Erinaceus europaeus) fuxindo "por patas"
Lóxicamente esta madrugada de domingo estaba máis condicionado en esceas de pouca luminosidade, como ocorre a esas horas antes do mencer. O rango de ISO da Sony RX10 III é moito menor que o dun cacharro profisional como a OM-1 (catro pasos menos). Inda así deféndese ben grazas á súa potente estabilización de imaxe e á súa profundidade de campo de F:4.
As tomas de paisaxe hai que facelas con exposicións longas e tripé, sei. Eu prefiro camiñar lixeiro de peso (nen sequer levo binoculares cando vou a Moeche).
"Camiño do xabalí", 6:13 horas. Disparo a pulso
Sony RX10 III 24-600mm (focal 35 mm equiv.) ISO:6400 V:1/40 F:3,5
Sony RX10 III 24-600mm (focal 35 mm equiv.) ISO:1600 V:1/125 F:4
Hoxe non houbo avistamenos de martaraña. Só achei un par de excrementos, xa con formato invernal (as guindas vanse acabando). Neste aínda se aprecia algún resto de froita; na outra caca que atopei non.
Caca de martaraña (Martes martes) xa con pouco contido vexetal
Estaba a subir citas de mamíferos a Observation e probei a filtrar resultados de martaraña na Península Ibérica, subidos desde 2024. Primeiramente por cuadrículas de 25 km. A cuadrícula de Moeche está resaltada en vermello coa etiqueta "ocorrencia natural", a única da España peninsular. Agora xa entendo por que se validan automáticamente todas as citas que subo.
Citas na Península ibérica desde 2024 subidas a Observation
Logo apliquei o filtro "mapa de calor" e Moeche volve saír como lugar moi destacado desde 2024. Cando ves estas cousas sintes moita satisfacción polo traballo realizado e polas moitas horas de aburrida espera que non saen reflectidas nestes mapas.
Mapa de calor na Península ibérica desde 2024
De aves o máis noticiable foi a observación dunha rola brava. Unha das poucas que nos quedan na faixa litoral coruñesa.
Rola brava (Streptopelia turtur)
Nas Regas non hai máis que paxarada común (as raridades son noutro canal). Os comedeiros que poñen para as vacas supoñen un auténtico imán para as aves. Pombos, pardais, pimpíns comúns ou verderolos son visitantes habituais.
Xuvenís de pardal común (Passer domesticus)
Así rematamos esta entrada, sen fotos de martaraña. Non todos os días vai ser festa!




.jpg)
.jpg)




Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos