Seguidores e seguidoras

domingo, 16 de agosto de 2026

De picanzos, vacas e velutinas

  Estamos a ter un tempo anómalo en na costa norte. Levamos semanas con dominante NE pero as temperaturas pola tarde son altas (25-30 ºC). Pola noite debera refrescar pero non o fai, manténdose en valores elevadísimos de arredor de 20ºC, que fan difícil conciliar o sono. Iso que se denomina "noite tropical", un fenómeno que hai unhas décadas era anecdótico en Ferrol, agora frecuente.

  O motivo de que pola noite a temperatura non baixe é, por unha banda, que o ceo se anuba moito, impedindo que escape a radiación emitida pola Terra. Porén a causa principal deste número insólito de noites tropicais que estamos a ter parece que está na anomalía térmica que se repite en augas do Atlántico Norte. O caso é que as temperaturas medias do verán en Ferrol pasaron de andar polos 18-19 graos na decada dos oitenta a uns 21-22ºC habituais na década actual. Unha barbaridade.

 A pesar de todo, orballaba lixeiramente cando cheguei a Moeche esta mañá.

Picanzo vermello (Lanius collurio) femia


    Hoxe a familia de T2 estaba atarafada na mantenza dos polos. Eu quedei xunto unhas vacas, inmóbil, e os picanzos acabaron por achegarse a min. Supoño que me tomaron por outro becerro.


  Xa comentei que teño o duplicador "pegado" ao 300. Até que non consiga solucionalo é un problema, pois non tes campo de visión. Polos pelos puiden coller no encuadre a catro dos picanzos que estaban pousados xuntos.

Picanzos vermellos (Lanius collurio): polo, polo, femia e polo (de esquerda a dereita)


   Nesta ocasión serei máis breve nos pes de foto, que teño cousas que facer. Os parámetros de disparo tampouco fan moita proba porque todas as imaxes están bastante recurtadas.  Estaban "cerca"... para ser picanzos vermellos (30 a 60 m aprox).



Picanzo vermello (Lanius collurio) macho

Picanciño pedindo o almorzo


Picanzo vermello (Lanius collurio) polo voantón


Picanzo vermello (Lanius collurio) macho

     Cambiamos de asunto.

  A semana pasada observara como unha Vespa velutina capturaba moscas no lombo dunha vaca e pensei que sería un episodio illado. Parece que non. Hoxe varias vespas adicábanse a capturar de maneira sistemática canta mosca podían no lombo de varios animais.


      Teñen onde escoller neste tempo.


Moscas en vaca. Abstracto en acuarela


  Vin en directo como collían as moscas e debían escondelas baixo o abdome pois non saen nas imaxes que tomaba xusto despois (comos sabedes os insectos serven para limentar ás larvas).

Vespa velutina tras captura de mosca

Velutinas e vaca

Velutina e vaca

  E terminamos cun licaénido superdelicado como é a rabeira estriada. neste caso sí especifico os valores da toma porque as fotos son case as orixinais (cun pequeno recurte para reencuadre) e ademáis a formato pantalla completa.

Rabeira estriada (Leptotes pirithous). Fam. Lycaenidae
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 + MC1,4x (f.5,6)   ISO:3200  V:1/160   F:7,1

Rabeira estriada (Leptotes pirithous). Fam. Lycaenidae
OM-1 + Zuiko 300 mm f:4 + MC1,4x (f.5,6)   ISO:3200  V:1/125   F:7,1

  Segundo OM Systems, co MC1,4x acoplado o Zuiko ten un coeficiente de aumento de 0,34x, equivalente a un 0,67x en formato 35 mm (a partir de 1x considérase macrofotografía).

 E así terminamos por hoxe.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos