Seguidores e seguidoras

sábado, 22 de agosto de 2026

Nova mostraxe nocturna

   Achegámonos ao equinoccio de setembro e o día vai claramente a menos. Para chegar de noite a Moeche xa non fai falla pegarse unhas madrugas antolóxicas. Hoxe era case noite fecha ás 6,40 h, cando atopaba este raposo en terras de Lamas (San Sadurniño).

Raposo ou golpe (Vulpes vulpes)

  Nas Regas facía os itinerarios habituais. Teño moitas ganas de fotografar ao teixugo (Meles meles) e tamén o ourizo cacho (Erinaceus europaeus), pero está complicada a cousa.

 Na rota principal seguen presentes as noiteboas cincentas no lugar habitual.

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)

   A verdade é que camiñar na escuridade da noite ten algo de máxico. Agora que xa non canta a avelaiona nin a propia noiteboa, o silencio é total.  E sigo marabillado co brillo deses ollos mentras descansan no asfalto. Tamén moi sorprendido pola escasa distancia á que permiten achegarte se camiñas a modo e sen moverte bruscamente.

Tres noiteboas cincentas (Caprimulgus europaeus) na escuridade

Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:25600   V:1/80   F:5,6

  Estou a aprender unhas cantas cousas que descoñecía destas aves extraordinarias. Por exemplo, que pousan en estacas e arbustos.

Noiteboa cincenta pousada en estaca

    Como o 300 f:4 segue co duplicador acoplado, non quedou máis remedio que usar o Pana 100-300, que non vai mal tampouco.


Noiteboa cincenta (Caprimulgus europaeus)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm (a 250 mm)  f:5,6  ISO:25600   V:1/80   F:5,4

  Hai uns días o colega Manuel Arzúa Piñeiro (Sociedade Galega de Historia Natural e Morcegos de Galicia) instalou aparellos para grabar morcegos nun ponto onde teño observado unha especie non identificada. É, digamos,  un "túnel de vexetación".

"Túnel dos morcegos". Autodisparo sobre saca de lentellas
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:3200   V:1/6   F:5,6

   Xa foi recoller os chismes e estou á espera dos resultados. Os do río xa sei que son Myotis daubentonii, pero teño moitísima curiosidade por saber cal é a outra especie que vexo sempre.

   A noite rematou e comezou o día, momento en que tiven un "ataque de fotógrafo" (supoño que consecuencia das malas compañías). Fixen unhas probas.

OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:400   V:1/800   F:7,1

OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:200   V:1/1000   F:9

   O tempo que perdín mentras fotografaba esas nubes foi xusto o que me fixo perder as fotos dunha martaraña que aparecía brevemente no cruce. Co caras que están agora as súas fotos...

Martaraña (Martes martes) no cruce

  Levaba moito tempo sen poder sacarlles unhas fotos decentes ás martarañas e hoxe perdín a oportunidade por enredarme coas dichosas nubes. O problema de estar a moitas cousas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos