Seguidores e seguidoras

domingo, 22 de novembro de 2026

22/11/2026 Censo de acuáticas na Frouseira: 470 galos de auga (Fulica atra)!

  Hoxe fun á lagoa de Valdoviño coa intención de contar mellor os galos de auga (Fulica atra), rálido emblemático deste humidal que levaba uns anos con cifras de invernada moi cativas. Por suposto aproveitei que levaba o telescopio para contar o resto de acuáticas importantes. 

 A lagoa segue pecha e moi chea. Imos cos dados da contaxe:

  • 11 Culleretes boreais (Spatula clypeata)
  • 32+ Patos cincentos (Mareca strepera). Hai máis pero co nivel hídrico tan alto moitos desaparecen entre a xunqueira
  • 2 Asubións comúns (Mareca penelope)
  • 81+ Lavancos reais (Anas platyrhynchos). Hai moitos máis
  • 64 Cercetas eurasiáticas (Anas crecca)
  • 1 Zurrasca eurasiática (Rallus aquaticus) escoitada
  • 470 Galos de auga comúns (Fulica atra)
  • 1 Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
  • Unhas poucas gaivotas comúns non contadas (Chroicocephalus/Larus spp)
  • 4++ Mergulletes comúns (Tachybaptus ruficollis). Hai moitísimos máis. Verémolos cando abran a canle e baleire a lagoa
  • 1200 Mascatos boreais (Morus bassanus) por hora calculados de maneira groseira. Unha pasaxe bastante potente observada desde o aparcadoiro da praia (certo que foi calculada en base a diferentes minutos de contaxe). Se non lembro mal o meu récord persoal en Ponta Frouseira é de 3000 ex/h
  • 3 Corvos mariños grandes (Phalacrocorax carbo)
  • 2 Garzas reais (Ardea cinerea)
  • 2 Tartarañas das xunqueiras (Circus aeruginosus)

Galos de auga comúns (Fulica atra)
 
 Hoxe levei a OM-1 co panasonic zoom 100-300 f:5,6. Porén o máis importante non era a fotografía senón voltar a casa cunha cifra aproximada do total de galos de auga.

Galos de auga comúns (Fulica atra). Parte do total

Galos de auga comúns (Fulica atra). Parte do total

    No primeiro censo saíronme 318 galos de auga. Algo que non me cadraba co visto hai un mes (considérome un censador moi experimentado e había demasiada diferenza). Pouco despois o grupo principal fragmentouse en dous. Foi entón cando vin que había un terceiro grupo semioculto no cinto de canaveira do oeste, que non contabilizara. É o que está marcado en verde na seguinte imaxe.


    Entón púxenme á faena outra ves. A contaxe ía moi ben: superficie da lagoa tranquila que permite boa visión, aves agrupadas en liñas delgadas (o que eu chamo "banda estreita") e con pouca actividade de mergullo. Por desgraza cando ficaban por contar as últimas deceas algo as asustou e saíron a correr como fan sempre para pousar un pouco más adiante. Esas últimas 30-40 aves tiven que contalas de maneira moito máis groseira. Aínda así e por ser unha parte pequena do total non influirá moito na precisión do global. Penso que podemos dar eses 470 ex coma unha cifra bastante aproximada e fiable; con, digamos, 10/20 individuos arriba ou abaixo.

   Nesta foto tentei coller aos tres grupos que había nese momento e que conforman a case totalidade de exemplares. É o mellor que puiden facer co Panasonic e coa resolución coa que publico fotos.

Case totalidade de galos de auga comúns (Fulica atra)

Galos de auga comúns (Fulica atra)


Galos de auga comúns (Fulica atra) e patos cincentos (Mareca strepera)

Galos de auga comúns (Fulica atra)

Galos de auga comúns (Fulica atra)

  Ademáis de acuáticas estiven a observar paxarada moi vinculada á canaveira e mato ribeireño como son ferreiriños azuis (Cyanistes caeruleus), cetias das ribeiras (Cettia cetii) e picafollas europeos (Phylloscopus collybita).


Cetia das ribeiras (Cettia cetti)

Picafollas europeo (Phylloscopus collybita)

Picafollas europeo (Phylloscopus collybita)

Picafollas europeo (Phylloscopus collybita)

      Qué ledicia volver a ver tantos galos de auga na lagoa. Como censador quédache esa raiba por non ter contado todo antes da espantá, que diría un andalú. Porque estaríamos a falar dunha cifra moi próxima á realidade (falar de cifras exactas en censos de acuáticas paréceme un atrevimento). 

  Por desgraza case ninguén censa na Frouseira. Desde aquí animo aos máis novos a que tenten precisar un pouco máis esa cifra que dou hoxe de 470 Fulica, porque nos tempos que corren pode quedar coma un dato histórico, e canta maior precisión consigamos, moito mellor. A miña recomendación é buscar o momento en que os galos de auga formen liñas estreitas, e contar de dous en dous, empregando un contador. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos