Esta mañá comezaba de boa maneira. Apenado pola caída do pito de gaivota patimarela decidía suministrarlle á súa nai unha lata de sardiñas que tiña na taquilla. En parte para reducir un pouco a súa agresividade cara os traballadores que pasan pola rúa e son atacados todos os días (a este paso é probábel que algún decida tomar a xustiza pola súa man). A nai aceitou o regalo que lle fixen e axiña alimentou ao poliño. Sen embargo a mañá tornouse negra pouco depois.
Levaba varios días preocupado por Susiño, o polo de gaivotón anelado o pasado 14 de Maio. A pesar de facer controis con binóculos non conseguira velo desde o xoves pasado, algo que me parecía bastante raro xa que con cinco semanas ten un tamaño próximo a un adulto de patimarela. Así que hoxe decidín entrar á colonia para esperando atopalo na zona vexetada do peirao, onde pensei que podía ter caído (coma opción máis optimista).
É posíbel que estivese agochado nas zonas con maior cobertura vexetal na parte baixa do peirao pero non o creo. Aínda vou esperar uns días (cruzando os dedos) por se caeu desde o muro de pedra ata esa zona e estaba camuflado ou por se ficaba arriba deitado entre a vexetación do bloque de pedra, pero teño un mal presentimento. Dame a sensación de que caeu desde o muro. Ben ao mar ou ben polo lado dereito, onde había duas parellas de patimarelas con polos que probablemente lle atacarían sen piedade. En calquer caso no muro do peirao, onde naceu, non estaba. E na parte baixa non o vin.
Xa tiña eu mal corpo por esta nova desaparición e aínda por riba cometín un erro imperdoábel. Estaba eu buscando a Susiño mentras tentaba protexerme como podía dos furiosos ataques das gaivotas e non me dei conta de que nunha esquina do peirao había tres poliños de patimarela. Son momentos de máxima tensión, tentando non recibir outro picotazo e esquivando as cagadas, e cometín o erro de achegarme demasiado aos polos, que se botaron ao mar de súpeto. Non estaba tampouco moi cerca deles (a uns 10 m, poñamos) pero estarían moi alterados polo rebumbio que armaban os adultos e se tiraron sen que eu puidese facer nada.
Non podo expresar aquí a sensación de pesadume, culpa e arrepentimento que sentín nese momento. Supoño que aos aneladores de mariñas tamén lles terá ocorrido algunha vez algo así, pero eu quedei en shock repetíndome cómo podía ter sido tan imprudente.
En fin, Susiño desaparecido e aqueles tres desgraciados poliños de patimarela arrastrados pola corrente que os levaba ría adentro nunha zona con intenso tránsito de buques da Armada. Os seus berros desesperados pedindo auxilio resoarán na miña cabeza durante moito tempo. Quizá non debín entrar na colonia. Non quería facelo, pero considerei prioritario recabar información de Susiño e para iso tiña que entrar alí. Quizá me equivoquei. En fin, un dos días máis tristes da miña experiencia como naturalista.
A verdade é que esa sensación de facerlle mal a un becho sen quereres é ben fodida e quédaseche moi mal corpo; estou a pensar agora en momentos de mover pedras e esmagar, ou pisar, rás ou lagartixas; e quítanseche as ganas de ir mirar bechos... a "parte positiva" supoño que é que bueno, un ten empatía, e segundo se ve nas noticias xa parece que é máis do que teñen moitos...
ResponderEliminarXa vin no foro que Susiño estaba vivo, alédome.
Si, a min o de levantar pedras ou meter un trueiro nunha charca tamén me trae contradicións persoais. Lembro varios casos de mala sorte co resultado da morte dun bicho.
EliminarComo dis a noa nova é que apareceu o cabroncete de Susiño. Haberá que publicar algo hoxe.