Onte visitaba o Canón do Sil ao seu paso polo concello ourensán de Nogueira de Ramuín na compaña de José Ramón Castro. O obxectivo era localizar e fotografar algún exemplar de Cobra de Esculapio (Zamenis longissimus), un ofidio que entrou a formar parte da fauna galega en 2016, cando se fotografou por primeira vez na aldea de Albergaría. Posteriormente foi observada en varias ocasión máis, sempre na parte ourensá deste tramo final do río, onde mantén unha extraordinaria poboación moi separada da máis próxima coñecida, xa na provincia de León (tamén de recente descubrimento).
Cobra de Esculapio (Zamenis longissimus) fotografada alí en 2020 por Martiño Cabana
Desde neno estiven namorado deste ofidio, cuxa imaxen nas guías de campo me fascinaba, e que mesmo aparecía nalgunha aventura do mestre Durrel na illa de Corfú. Daquela só se coñecía a súa presenza no cuadrante NE peninsular e xamáis imaxinei que chegaría tela a só 125 Km da miña casa. Por iso en canto me enterei desa poboación galega decidín que tiña que ver algún exemplar antes de morrer, polo civil ou polo militar.
Por desgraza o Sil recibíanos con néboa e nubes baixas toldando o ceo, que non abríu case até o mediodía, cando o sol era xa demasiado intenso para moitos bichos.
Canón do Sil pola mañá
Canón do Sil ao mediodía
Aspecto do río na zona das mostraxes
Era ben consciente da dificultade de atopar unha Esculapio. Ao máximo que cheguei poi a escoitar un ofidio grande que fuxía paseniñamente entre o mato denso mas non chegamos ver ningunha nos moitos transectos realizados ao longo do día. De todas formas foi unha viaxe un pouco accidentada que servíu sobretodo coma exploración do terreo para vindeiras visitas.
Miñato abelleiro (Pernis apivorus)
O máis salientábel foi un miñato abelleiro remontando coas térmicas e este pobre leirón careto atropelado (había moitos anos que non vía un exemplar).
Leirón careto(Eliomys quercinus)
De anfibios atopábamos unha grande femia de sapo común e un diminuto metamórfico de rá patilonga. Ambas especies son abondosas na Galiza toda.
"Sapa" común (Bufo spinosus)
Rá patilonga (Rana iberica) metamórfico
Hábitat típico de Rá patilonga
En canto a répteis, ademáis desa Esculapio virtual escoitada, apareceron moitas lagartixas dos penedos e un xuvenil de lagarto das silvas.
Lagartixa dos penedos (Podarcis guadarramae)
En Ourense o lagarto das silvas ben podería chamarse pola sua acepción portuguesa, "lagarto de auga", debido á alta dependencia que mostra por lugares húmedos sempre próximos a ríos e regatos (isto non acontece polo norte galego).
Lagarto das silvas (Lacerta schreiberi) xuvenil
Sony RX10 III (focal 600 mm equiv) ISO:100 V:1/250 F:4
Na parte superior do canón encontrabamos unha poboación de esgonzo común. Todas as especies observadas onte xa estaban citadas nesas cuadrículas no
Atlas de Hérpetos da S.G.H.N. Porén foron subidas á plataforma
Observado
Esgonzo común (Chalcides striatus)
Se algo bon ten o calor é que activa os invertebrados. Este Platycnemis é bastante raro ou está ausente na zona de Ferrol, onde só atopei P. acutipennis.
Patexa branca (Platycnemis latipes), femia
Sony RX10 III (600 mm) ISO:100 V:1/ 800 F:4
Avistei dous anisópteros que non puiden identificar. Penso que ún, cando menos, podía ser Esmeralda de Curtis (Oxygastra curtisii) ou quizá Libeliña do luscofusco (Boyeria irene), pola forma de se pousar especialmente.
Outra observación destacada foi esta fermosa bolboreta:
Chinguro dos regatos (Limenitis reducta), parte superior
Varios chinguros dos regatos (Limenitis reducta) voaban nos claros florestais, onde José Ramón puido tomar estas fotos estupendas (eu non fun quen de pillalas). Nelas vese o fermoso aspecto na parte ventral das ás, moi diferente ao da parte superior case branquinegra.
Chinguro dos regatos (Limenitis reducta) Foto: José R. Castro
Nikon P900 (2000 mm) ISO:220 V:1/640 F:6,5
En fin, esta visita por aquelas terras terá segunda parte, abofé.
Río Sil augas abaixo do encoro de Santo Estevo
Sony RX10 III (focal 52 mm) ISO:80 V:1/250 F:7,1
Un lugar espectacular y la primera vez que fui a la Rivera Sacra.
ResponderEliminarA Riboyra Sacrata é un sitio espectacular de sempre e dende sempre houbo xente que a usou pra a vida contemplativa.
ResponderEliminarNon seu de sabedes que o termo Riboyra non ten nada que ver con ribeira, senón con Robur.É unha carballeira sagrada, xa dende os tempos dos celtas galaicos.
Qué me dis? Pois é un asunto ben interesante (eu tamén camiño polo sendeiro espiritual, como lembrarás). Desde logo o número de mosterios na zona é chamativo. Da orde cisterciense moitos deles, se non estou errado (corrixa se procede). Por outra banda, durante as mostraxes tiven ocasión de observar carballos de varias especies, coma Quercus Pyrenaica ou Quercus petrae, algo que me surprendeu nunha zona tan térmica (pensaba que alí non se daba o Q. robur e, a verdade, nin me fixei).
EliminarQué interesante iso que ves de comentar!