Xa tivemos unha primavera moi chuviosa (especialmente os meses de maio e xuño) e semella que o verán vai polo mesmo camiño. En xullo recollíanse 41 mm de precipitación na estación do C.I.S. da Cabana (Ferrol). Non foi moita chuvia en termos absolutos, mas ao estaren repartidos en 14 días de precipitación a sensación de mal tempo foi permanente. Ademáis a temperatura media quedou en 18,4ºC, algo máis baixa do normal. Este ano semella que ficaremos sen verao e iso ten unha consecuencia interesante. Espero que o próximo ano teñamos menos turistas (bon negocio para a hostalería, mal negocio para o medio natural).
Hai un "turismo" que sempre é ben acollido polos ornitólogos: o das aves en migración, que fan escala para repostar nos nosos campos, humidais ou no mar diante da costa. A pasaxe de aves mariñas xa comezou e esta mañá facía un novo control desde o cabo de Ponta Frouxeira (Valdoviño).
Poño os dados recollidos na hora de censo (9,00-10,00 h) tal como subín a ebird (sopraba vento moderado de W-SW):
- 3 Pentumeiros (Melanitta nigra)
- 4 Pilros comúns (Calidris alpina)
- 2 Palleiras grandes (Stercorarius skua). Primeiras palleiras observadas por min este ano. Outro nome que receben en galego é "papamerdas". Un compañeiro xubilado de Navantia que antes traballara na pesca de altura coñecíaos con este último nome.
- 1 Palleira mediana (Stercorarius parasiticus/pomarinus). Voaba moi lonxe mas era adulto de morfo claro.
- + Gaivotas patimarelas (Larus michahellis)
- 5 Carráns cristados (Thalasseus sandvicensis). Algún moi lonxe pero semellaban claramente esta sp
- 256 Pardelas cincentas (Calonectris diomedea borealis). Cifra boa, na liña habitual en días de paso bon. Polo de agora as Calonectris galegas seguen aparecendo como C. diomedea borealis na web de ebird.
- 6 Pardelas furabuchos atlánticas (Puffinus puffinus)
- 3 Pardelas furabuchos baleares (Puffinus mauretanicus) voando en dirección W
- 95 Mascatos (Morus bassanus). Maioría xuvenís, como adoita nestas alturas
- 1 Lagarteiro (Falco tinnunculus) nos cantís
Estamos en tempo de turismo ornitolóxico. Aproveitade se queredes ver agora aves peláxicas difícilmente observábeis o resto do ano. Antes consultade sempre a páxina de Meteogalicia, onde poderedes saber o réxime ou dirección dos ventos, a táboa de marés ou o estado da mar.
Boas Xabi!
ResponderEliminarXa é un paso bastante chulo. Cando hai bo paso de pardelas é todo un espectáculo, coa súa forma de voar formando arcos, os destellos, e os fluxos tan potentes que chegan a formar.
Hoxe polo sur non foi un gran día, similar aos teus datos de hoxe pero sen tanta Calonectris e con algunha mauretanicus máis. Non había moitas aves no mar, pero xa se van detectando algúns exemplares de especies menos habituais en pleno verán (carráns comic, pardelas pichonetas, pomarinos, etc). A ver cómo evoluciona!
Apertas
Nicolás Magdalena
Olá, Nicolás.
EliminarO bon virá por Setembro, aínda que nestes últimos anos non volvín ver os pasos espectaculares de 10-20 anos atrás. Obviamente non é Bares e o seu paso depende dun vento moi concreto (o NW frouxo é ideal) pero había días moi chulos, con 3000 mascatos/hora, 1500 furabuchos atlánticos/hora ou 500 pentumeiros/hora.
Apertas.
Ola de novo!
EliminarEses casos concretos de tasas de paso moi altas de distintas especies, débense (como sabes de sobra e acabas de dicir) a unhas condicións moi específicas. É soamente a miña opinión, pero eu creo que iso é so cuestión de botarlle horas, de sorte, ou como queiras chamalo. O caso é estar alí os poucos días que pasan tal cantidade de bichos. De feito, que eu saiba, ao mascato e ás P. puffinus non lles vai mal, e noutros cabos seguen sacando crifras espectaculares.
Comento isto, porque na forma en que o dis, semella que estén en "decadencia absoluta" hahahaha. O caso do pentumeiro sí que é ben distinto e, creo eu, máis preocupante e catastrófico. Aí si que mudaron as cifras radicalmente... Aínda que todavía pode haber días bos.
500/h!! Que barbaridade.
Apertas!
Tes razón que tal como redactei o meu comentario pode entenderse que esas especies agora pasan en menor número. Na realidade o que pretendía dicir é que nestes últimos anos non me cadrou estar alí coincidindo con picos de paso (por diferentes motivos). Graciñas pola matización.
EliminarO caso do pentumeiro, como ben dis, e outro tema. Tremendo declive tanto en paso coma en cifras de invernada. Teño visto cifras de 6000 indiv invernando no Grove (anos setenta, creo).
Eses 500/hora en paso que teño eu na Ponta Frouxeira fora nun día de temporal doente con ventos fortes do W, alá polos anos noventa, penso. En datas algo máis recentes teño anotado números bastante bós (200-300 bichos/h, poñamos)pero nos últimos anos cifras moito máis baixas. Polo que me teñen dito os que saben, semella que co cambio climático xa non migran tan ao Sul. Supoño que co tempo pasará a ser unha raridade.