Seguidores e seguidoras

luns, 2 de febreiro de 2026

Probando o límite da Sony RX10 III co novo hardware

   Desque cambiei o equipamento informático tiña moitas ganas de probar a edición dixital da Sony con parámetros extremos. Refírome a tomas con ISO´s moi altos e con velocidades de obturación moi lentas para esas focais.

  A RX10 III posúe un rango que vai de ISO 64 a ISO 12800. Comezamos. Unha toma coa máxima sensibilidade posible, tal como sae en cru (RAW, in english). O arquivo sen comprensión, vaia.

Garza branca pequena (Egretta garzetta). RAW sen editar
Sony RX10 III focal 220 mm (600 mm equiv.)  ISO:12800  V:1/100   F:4

  E agora logo de editar o arquivo cos axustes básicos: exposición, contraste, viñeteo, nitidez, balanzo de brancos e redución do ruido coa I.A. Falamos dun disparo co ISO máximo dunha cámara bridge con sensor de unha polgada. Penso que está máis que ben, por non dicir excelente.

Toma anterior editada con Lightroom

  No asunto da redución do grao coa intelixencia artificial, tento non pasarme. Prefiro que fique un chisco de ruido a que a I.A. críe unha imaxe diferente da que eu tomei. Desde logo o Lightroom non é tan perigoso como a Skynet de Terminator, mas cómpre ter coidado coa liberdade que lle damos. Falo desde a curta experiencia que teño no tema do revelado dixital.

 Logo disparei con ISO 6400 e ISO 3200. Axudando co Lightroom xa quedan bastante mellor de nitidez, lóxicamente. Tería que repasar nos libros de fotografía os complicados conceitos de "ruido de luminancia" e "ruido de crominancia", mas penso que éste último ruido está moi presente a ISO 12800 e non tanto a ISO 6400 ou ISO 3200.

Garza branca pequena (Egretta garzetta)
Sony RX10 III focal 220 mm (600 mm equiv.)  ISO:6400  V:1/80   F:4

Garza branca pequena (Egretta garzetta)
Sony RX10 III focal 220 mm (600 mm equiv.)  ISO:3200  V:1/50   F:4

    O estabilizador da XR10 III é quizá o mellor que nunca probei nunha bridge despois do que ten a Nikon P1000 (unha auténtica barbaridade). Coa máxima focal, equivalente a uns 600 mm, disparei cunha velocidade de só 1/30 segundo simplemente apoiando un pouco a cámara sobre o marco da ventaniña do coche. Apréciase unha lixeira trepidación na zona do ollo da garza branca, probablemente debida a que estaba algo inqueda ollando para min e se moveu un pouco. Na anterior imaxe, tomada cunha velocidade tamén moi baixa de 1/50 seg, quedou clavada.

Garza branca pequena (Egretta garzetta)
Sony RX10 III focal 220 mm (600 mm equiv.)  ISO:3200  V:1/30   F:4

  Era unha mañá moi escura e para fotografar este bilurico fixen "trampa". Aproveitei a luz dos faros do carro que alumeaban algo a zona onde estaba. Digamos que foi un disparo con flash. Houbo que empregar igualmente unha velocidade de obturación moi baixa de 1/40 seg.

Bilurico das rochas (Actitis hypoleucos)
Sony RX10 III focal 220 mm (600 mm equiv.)  ISO:1600  V:1/40   F:4
  
  Na rampa de Maniños ocorren cousas, que diría o famoso humorista Mariano Rajoy. Por exemplo que saias do veículo para fotografar un mascato e atopes unha garza branca grande ollando para ti.

Garza branca grande (Ardea alba)

    Non sabía cómo reaccionar, unha vez aberta a porta do coche. Tiña medo de facer calquer movimento e que a garza fuxira, mas aguantou un anaco. Dabondo para poder sacarlle algunha foto.

Garza branca grande (Egretta garzetta)
Sony RX10 III focal 200 mm (550 mm equiv.)  ISO:800  V:1/100   F:4,5

  Ben, supoño que os lectores e lectoras máis antigas botarán de menos aquelas entradas que trataban sobre censos de acuáticas, paisaxes de Ourense ou observacións de anfibios, répteis ou insectos. Xa volverán. Vivimos tempos de sedentarismo e "comunismo". E tamén cómpre rendabilizar os investimentos en equipamento informático e fotográfico, carallo (foi moita pasta do noso Señor).

2 comentarios:

  1. Que boas fotos Xabi! Oe, tes visitado os montes de Campelo Alto e Alto da Lagoa entre Valdoviño e Narón? Eu teño ido polos arredores (p. ex. Pena Molexa e Pena Lopesa) e parécenme moi prometedores para "non aves", en especial nos vindeiros meses primaverais. Tes datos dalí? Apertas! Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Teño, claro. Non moito, pero algunha vez teño ido. Coma outros montes da comarca o seu aspecto mudou moito polos cambios que xa sabes. Os ucedais/brañas prácticamente desapareceron, as plantacións de eucalipto aumentaron a súa extensión e as toxeiras actuais son masas impenetrábeis de dous ou tres metros de altura. Un desastre.
      Cando coñecín a Marcos Otero (cara 2002 ou 2003) falárame da reprodución de tartaraña cincenta. Non lembro se por informacións procedentes de Suso Domínguez ou Xabi Pumariño. Actualmente véxoo imposíbel por falta de hábitat.
      De todas formas e falando de interese ecolóxico parécenme máis interesantes os montes de Chá, en Ferrol (onde vin tartaraña cincenta a mediados dos oitenta, por certo). É unha zona con certa influencia mediterránica, que tivo históricamente brañas ou mesmo turbeiras ben interesantes. Nas toxeiras rasas e brañas a presenza de coello ou lagarto arnal é moi notábel (seguramente tamén estea presente Coronella girondica, aínda que nunca ma atopei). Tamén está moi alterada pola eucaliptización e demáis, pero hai unha xente que está a traballar para restaurar a zona (a asociación de veciños do Monte de Chá, da que forma parte algún bon amigo).

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos