Seguidores e seguidoras

xoves, 12 de febreiro de 2026

Unha mañá relaxada

  Non sei nen cómo cualificar o día de ontes, por mor desa longa cadea de acontecimentos que vivín, algúns graves, outros desesperantes e outros mesmo cun toque surrealista. Porque non contei que mentras tentaba parcar o carro dando voltas polo barrio, semellou que todos os adolescentes que saían do instituto se puxeran dacordo para facerme frear cando eu tiña preferencia de paso nos semáforos. De verdade que daban ganas de acelerar e que algún rematase a conversa de whatssap no cemiterio. Xa está ben de ter que parar o coche porque un túzaro vai atendendo o teléfono e non ve que está en "esperen peóns". O dos zombies do móbil non é nin medio normal.

   En fin, foi ún deses días en que ten que haber unha cámara oculta grabando todo ou non se entende (xa ofrezo a Scorsese o título para a película: "Jo, que día!"). Agardo que este xoves ou quinta feira veña máis relaxado. E para tal fin imos poñer unhas fotos tomadas este mencer.

Estaleiro de Navantia-Ferrol (BAZAN) desde a praia de Maniños, Fene
OM-1 + Panasonic 14-42 mm  f:5,6   ISO:1600   V:12/5 seg    F:6,3

   Son tomas realizadas desde o capó do carro, con unha saca de lentellas coma única base firme. Un grande invento que fai as veces do tripé sempre que haxa unha certa altura onde poñer a bolsa. Por suposto con autodisparo (hai aplicacións para facer disparo remoto desde o teléfone mas non gosto delas). E para facer paisaxes vale ben así.

Estaleiro de Navantia-Fene (ASTANO) desde a praia de Maniños, Fene
OM-1 + Panasonic 14-42 mm  f:5,6   ISO:400   V:1 seg    F:7,1

  Bon, cómpre aclarar que Navantia-Fene xa non é un estaleiro, senón unha fábrica de eólica mariña con algunha reparación naval ocasional e pouco máis. 

Como vedes Bichos e de demáis familia ten agora unha dupla personalidade, alternando entradas de carácter 100% naturalista con outras 100% fotográfica, mais ao estilo de Instagram ou Flickr. É a vantaxe de ter un blogue. Podes variar o contido, o deseño da páxina ou mesmo o enfoque das publicacións, que nestes últimos tempos están a ser unha pequena escola de aprendizaxe persoal para coñecer mellor o novo equipamento, tanto óptico coma informático. Cada foto que vedes publicada foi revelada antes dúas, tres ou cinco veces con parámetros diferentes, ata que sae unha da que gosto máis e daquela xa a subo. Mas antes boto tempo traballando coa temperatura ou saturación de color, comprobando o encuadre a 16:9, 16:10 ou 2:3 mentras toleo coa regra dos famosos dous terzos, ollando o nivel de detalle e equilibrando a redución de ruido, etc..

   Resumindo, este blogue está a ser agora unha plataforma que emprego para aprender o revelado dixital. Para os seguidores menos entusiastas da fotografía e si do naturalismo, prométovos que na primavera imos voltar con cousas chulas. Xa sabedes... bicharía miúda.

2 comentarios:

  1. Xabi: ánimo co panorama que tes na casa e nos arredores da casa. Non sei se considerache seriamente mudarte ao campo a medio prazo... Unha aperta, Damián

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Considerei, si. Pero hai diferentes factores que desaconsellan iso. Por exemplo, que agora para ir ao meu traballo non dependo do veículo. Habitualmente vou no coche, certo, mas podo ir camiñando se quero (fágoo por temporadas cando vai bon tempo). No rural dependería do carro si ou si. E logo outras cousas que non so para contar aquí.

      Eliminar

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos