Seguidores e seguidoras

mércores, 12 de decembro de 2012

A Frouxeira, últimas noticias

  Onte, martes día 11, pasei pola lagoa da Frouxeira para ver como vai. E teño que dicir que estou esperanzado de cómo están funcionando as cousas, aínda que ata dentro duns meses non saberemos realmente o resultado das obras na canle. Digo isto porque faltan moitos temporais aínda, e moitas mareas vivas. Pero penso que a cousa ten boa pinta (isto é unha opinión). Vaiamos coa información:


 O nivel da lagoa baixou. Así a ollo uns 30 ou 40 cm. A semana pasada o nivel das augas rebasaba amplamente este marco de Demarcación de Costas que agora, como vedes, sobresae dabondo.


  Hai que ter en conta sen embargo que nese momento había baixamar, coa cal se supón que a capacidade de desaugue da canle é máxima. Aínda non me cadrou mirar cómo traballa con preamar e non sei cómo de forte será a entrada de auga do mar.
  Desde logo, a canle era apreciablemente maior que na última visita. Pero non sei se foi ela mesma a que medrou ou se aumentou artificialmente. Desde logo había unhas marcas no lateral dunha parede da canle que semellaban de pala mecánica, pola súa continuidade completamente lisa. Ademáis comentábame Pablo Gutiérrez que a pista estivo pecha hai unhs días. De feito aínda seguía a valla e a cinta de balizar no comezo da mesma. Por isto, e pola pegada que deixou a auga nos bordes, teño a sensación que na Xunta decidiron anchear un pouco a canle para que comezase o baleirado ao ver que xa chegaba a anegar a pista e a cousa non progresaba. En calquera caso o resultado é que os niveis da lagoa están a baixar. Pouco a pouco.

Patos cristados (Aythya fuligula)

   Aproveitei para anotar algunhas observacións:

- 3 Patos culler (Anas clypeata)
- 41+ Cercetas (Anas crecca)
- 26 Patos cristados (Aythya fuligula)
- 85++ Patos chupóns (Aythya ferina). Estaban moi activos e así é imposíbel contar. Probábelmente habería bastantes máis de cen exemplares.
- 1 Pentumeiro común (Melanitta nigra) que leva días na lagoa.

 Seguiremos informando

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos