Onte pola tarde fixen unha visita entomolóxica ao Basteiro, animado polas primeiras citas de odonatos subidas a Observation este ano. Citas da Península mas tamén de Bélxica ou Paises Baixos.
Con data 15/03/2026 fora subida a observación de donceliña vermella en Moaña (Carlos Miñambres), así que onte considerei probable que aparecese algunha en Neda. Así foi.
Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula) macho
Ao pouco de chgar e no tramo máis naturalizado do rego observei un mínimo de tres donceliñas vermellas, que seguramente fosen 5-6. Duas deles en cópula.
Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)
OM-1 + Zuiko 300mm f:4 ISO:200 V:1/640 F:5
Donceliña vermella (Pyrrhosoma nymphula)
OM-1 + Zuiko 300mm f:4 ISO:200 V:1/500 F:5,6
Sinto moita curiosidade por ver cómo afecta á fauna aquela limpeza levada a cabo este inverno. Quizá ata afecte en positivo a algunhas especies. Desde logo os macrófitos emerxidos están a renacer moi ben. Ademáis, e a pesares do que significa un desbroce dese tipo, hai que recoñecer que se eliminou unha importante comunidade de certa planta invasora cuxo nome non lembro agora.
Haberá que esperar unhas semanas para que a primavera explote de verdade no Basteiro. Polo de agora xa temos os primeiros zigópteros. E os sapos cunqueiros (Bufo spinosus)! Onte sorprendía un exemplar ao que non puiden fotografar. Teño moitas ganas tamén de sacarlle boas fotografías a este anfibio, até hai uns anos moi común; hoxe bastante máis raro de ver. Se algún día unha Intelixencia Artificial fose capaz de calcular o número de anfibios atropelados nas estradas europeas nos últimos 50 anos mentras van frezar (ou tamén metamórficos emerxentes), as cifras serían astronómicas. Supoño que millares de millóns, ou billóns de exemplares directamente.



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos