Seguidores e seguidoras

domingo, 29 de marzo de 2026

29/03/2026 Picas das árbores e escribidores amarelos

  Esta mañá fixen varias mostraxes polos altos que hai a cabalo entre os concellos de Narón e San Sadurniño, e que pertencen ás parroquias de Sedes e Santa Mariña do Monte respectivamente. O obxectivo era "monitorizar" (que se di agora) a presenza de dúas especies que posúen alí unhas poboación moi interesantes.

   Por unha banda a pica das árbores (Anthus trivialis), especie da que hoxe observaba os primeiros exemplares da temporada. Catro machos cantores na Golpilleira (Santa Mariña do Monte) e outro máis no Monte do Seixo (Sedes).

Pica das árbores (Anthus trivialis), macho cantor

  Esta pica é un paxaro que vive nas rexións máis "eurosiberianas" da Península. Pego o mapa que publica a páxina da S.E.O. Birdlife (a verdade é que non parece moi preciso para a rexión galega, quizá por falta de datos).

Mapa de distribuizón de pica das árbores publicado na web da S.E.O.

  Estes individuos observados hoxe semellaban os residentes nos seus territorios habituais.

Pica das árbores (Anthus trivialis)

    Previamente, e logo de facer unha mostraxe nocturna coa lanterna frontal en terras de Lamas (San Sadurniño) fotografaba estoutra pica. No momento e polo jizz pareceume unha pica das árbores. Ollando as fotos xa non o teño claro. Non cobro por dar opinións.

Pica sp (Anthus sp) fotografada en Lamas (San Sadurniño)

   O outro paxaro obxectivo da xornada era o escribidor amarelo. Atopei dúas parellas na contorna da Golpilleira, tamén ocupando territorios tradicionais destes últimos anos e por tanto exemplares reprodutores con bastante probabilidade.

Parella de escribidores amarelos (Emberiza citrinella

  Un dado moi importante para a súa identificación é a mitra (1) de cor parda, non gris ou verde, coma noutros escribidores.

Escribidor amarelo (Emberiza citrinella) macho de costas

Escribidor amarelo (Emberiza citrinella) macho

  Poño tamén o mapa que colgou a SEO na súa web. Ignoro o motivo pero é completamente diferente en formato ao da pica das árbores.

Mapa de distribuizón do escribidor amarelo na Península. Fonte: S.E.O. Birdlife

  Nesta entrada non engadín os parámetros fotográficos porque todos os bichos estaban moi lonxe e houbo que recurtar. Xa haberá tempo para iso. Hoxe o importante era o valor documental.

Escribidor amarelo (Emberiza citrinella) macho

    A SEO considera ao escribidor amarelo en perigo de extinción en base aos traballos levados a cabo no programa S.A.C.R.E. (no cual colaborei cinco anos). Polo visto a mudanza climática xunto aos cambios da paisaxe estarían detrás dun declive cifrado en aproximadamente un 60% da súa poboación española nos últimos 20 anos. Un dato certamente alarmante.

Parella de escribidores amarelos (Emberiza citrinella

    A maiores, esta poboación de escribidores amarelos é de máximo interés por estar localizada a só 250 m. sobre o nivel do mar e a 7 Km da costa en liña recta, algo bastante insólito en terras galegas.


  No seu momento estimei en 4-5 territorios de escribidor amarelo presentes na zona da Golpilleira, que abrangue aproximadamente unhas 12 has (11/04/2019 Noticiario Ornitoxeográfico da Sociedade Galega de Ornitoloxía). Había e hai máis noutros pontos destes planaltos que separan, mas tamén unen, os concellos de Narón e San Sadurniño. Haberá que estarmos atentos.

(1) Acepción para o termo"obispillo" en idioma galego

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos