Seguidores e seguidoras

xoves, 9 de abril de 2026

Panasonic 100-300 mm f:5,6. Qué pequeno-gran tele!

    Desque comprei o Zuiko 300 mm f.4 (de segunda mao) é case a única óptica que emprego, por aquilo de rendibilizar a inversión. Sen embargo cada vez que volvo coller o Panasonic 100-300 mm f:5,6 desfruto moito a experiencia; a pesares da evidente distancia sideral que existe en canto a calidade de imaxe entre unha lente profisional e unha "afeizoada".

Paporrubio común (Erithacus rubecula). Toma recurtada
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6 (a 275 mm)  ISO:6400   V:1/100   F:5,5

Lavandeira branca (Motacilla alba). Toma recurtada 
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:1600   V:1/320   F:5,6

   Camiñar co Panasonic 100-300 é unha ledicia, grazas ao seu pequeno tamaño e peso. De feito a sensación é moi semellante a levar unha bridge! Iso agradécese especialmente cando fas mostraxes a pé un pouco longas, como as que estou a facer estes días por terras de San Sadurniño e Moeche, durante a "Operación Mustela 2026".

Gaio eurasiático (Garrulus glandarius). Toma recurtada
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:800   V:1/500   F:5,6
 
    Desde logo non é coma levar tamén un obxectivo curto (lembremos que eses 100 mm da focal mínima equivalen a un 200 mm en formato 35mm). Non podemos facer foto de paisaxe, mas si podemos facer algunha toma para, digamos, unha monitorización de hábitat, por exemplo. Algo imposíbel coa focal fixa de 300 mm.

Vacas pacendo no campeiro
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6 (a 100 mm)  ISO:200   V:1/160   F:4
 
Ou para documentar cambios nos usos do chan. Por exemplo as enormes plantacións de arandos que hai agora nas Regas de Moeche ou en Lamas. 

Plantación de arandos (Vaccinium sp)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6 (a 100 mm)  ISO:800   V:1/160   F:8

      Sempre será preferíbel a ter máis eucaliptos "que duda cabe", que diría Arsenio Iglesias.

Plantación de arandos (Vaccinium sp)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6 (a 100 mm)  ISO:400   V:1/200   F:5,6

Plantación de arandos (Vaccinium sp)
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6 (a 100 mm)  ISO:800   V:1/125   F:8

    Voltando ás aves, esta semana volvía escoitar o canto de merlo rieiro europeo (Cinclus cinclus) nun territorio xa coñecido de Lamas (San Sadurniño). Un canto que lembra moito ao da folosa grande (Acrocephalus arundinaceus).

  Non puiden fotografar aos merlos rieiros de Lamas mas si á parella de lavandeiras reais que aniñan case no mesmo sitio. Unha femia carrexaba material para construción do niño baixo a atenta mirada do macho, preocupado pola miña presenza. Cómpre ter moito coidado na tempada de cría das aves e saber abandonar a escea se os bichos nos detectan.

Lavandeira real (Motacilla cinerea) portando material para construción do niño
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:1600   V:1/200   F:5,6

  E coa lavandeira real terminamos a entrada. Ún dos meus paxaros favoritos de sempre. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos