Vai ser unha semana moi emotiva esta última de maio e resulta curioso como cambiou o meu estado de ánimo ao longo destes dous anos tan tristes. Nos primeiros meses - terríbeis - facíame moi ben falar do tema, fose con amigos/familiares, fose escribindo aquí no blogue. Cousas da fase de shock, supoño. Era despois, na casa, cando me derrumbaba. Especialmente naquelas interminábeis noites sen poder conciliar o sono e sumido na dor pola perda.
Pasado o tempo atópome bastante mellor de ánimo, como é natural (ainda que manteño unha sensación de apatía e desgana xeral). Sen embargo agora póñome fatal cando xurde o tema de María nunha conversa e acabo emocionándome moito. Así que decidín evitar o asunto nas conversacións. Mas estes días penso moito nela e apetecíame editar unhas fotos co novo software, por aquilo de "vela de novo". As primeiras, de cando eramos só amigos.
Ao fin e a cabo, "Bichos e demáis familia" foi criado coma blogue persoal (segundo o protocolo blogger). Nin é, nin pretende ser un blogue científico. Estes días apétece publicar cousas máis persoais, como faríamos calquera de nós en Facebook ou Instagram.
Nunca me perdoarei terlle "curtado os pes" na seguinte foto. Cousas de fotografar á persoa da que estás namorado nun romántico atardecer na praia.
Houbo un tempo en que logo de ver estas fotos caería na máis absoluta desolación. Semella que esa fase terminou, grazas a Deus. De feito sentoume ben "ver" a Mari de novo, cando se vai cumprir o segundo aniversario da súa morte. Qué fotoxénica era!






Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos