Seguidores e seguidoras

domingo, 24 de maio de 2026

"Moecheando"

 Esta fin de semana houbo controlo no val do Xuvia. Os mustélidos do xénero Mustela seguen a resistirse. De mamíferos só observaba dous porcos bravos (Sus scrofa) e unha martaraña (Martes martes) na mañá do sábado e un corzo (Capreolus capreolus) o domingo a primeira hora, pouco antes de que chegara Manolo Rei.

Corzo europeo (Capreolus capreolus)

   Coñezo un paso por onde gosta de vir un corzo. Nestas alturas estamos en plena época de celo, cando os machos emiten os seus "ladridos" constantemente.

Corzo europeo (Capreolus capreolus)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:6400   V:1/250    F:4

     Puiden pillalo bastante ben desta volta.

Corzo europeo (Capreolus capreolus)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:3200   V:1/160    F:4

Corzo europeo (Capreolus capreolus)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:6400   V:1/200    F:4

   Ao chegar ao prado hai un sitio onde unha sebe me tapa a visión. Mentras busco un oco entre a ramallada o corzo sempre acaba por detectarme, e fuxe correndo.

Corzo europeo (Capreolus capreolus)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:6400   V:1/250    F:4,5

  Á martaraña non puiden fotografala onte, mas hei de ter ocasión nas próximas semanas. As cereixas comezaron a madurar e as cacas de martaraña están xa cheas con restos delas. 

Cereixas

 Son froitas moi cativas porque estas cerdeiras plantáronse "para madeira", disque. Non serven para consumo humano mas para consumo de fauna semella que si.

Tordo músico (Turdus philomelos) consome cereixa


Tordo músico (Turdus philomelos) papando cereixas

  Respeito dos picanzos vermellos, xa temos alomenos tres dos cinco territorios habituais nas Regas de Moeche: T1, T2 e T3.

Macho de picanzo (Lanius collurio) en T2

 Moitos paxaros están a sacar polos no niño ou mesmo xa voados. Hoxe con Manolo vin unha parella de ferreiros reais carrexando bicada ao "niño da coluna" e outra parella da mesma especie con polos voantóns perto do cruce.

Ferreiro real (Parus major) e vacas
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:6400   V:1/400   F:4

Polos voados de anduriña común (Hirundo rustica)

  Moitas das fotos deste post levan bastante recurte porque as aves estaban lonxe.

Gaio eurasiático (Garrulus glandarius). Toma con bastante recurte
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:200   V:1/250   F:4

  Foi unha ledicia volver a ver unha rola brava. Considero que hai 2-3 parellas asentadas en Moeche, entre As Regas e San Xurxo. Grazas ao Lightroom Photoshop puiden recuperar duas tomas moi queimadas, tomadas cun fortísimo contraluz. Logo de pasar polo laboratorio valen para ver.

Rola brava (Streptopelia turtur)

Rola brava (Streptopelia turtur)

   Falando do Ligthroom, o sábado estiven a facer experimentos con eses rangos de sensibilidade extremos que permite a OM-1. Primerio con ISO 51200, que é unha extensión dixital. Podemos aplicar aquilo de "usar só en caso de emerxencia".

Pimpín común (Fringilla coelebs)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:51200   V:1/100   F:4

    Se baixamos ao máximo ISO nativo, a cousa mellora bastante, aínda que o revelado destes RAW non é doado. Se abusamos da Intelixencia Artificial na redución do grao acaba por notarse. Fixen varias probas con distintos parámetros de ruido e exposición, porque as tomas quedaron moi escuras debido á tremenda escuridade do momento. E deixando sempre un pouco de ruido (se non Manolo me rifa).

Pimpín común (Fringilla coelebs)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:25600   V:1/80   F:4

Pimpín común (Fringilla coelebs)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:25600   V:1/80   F:4

Pimpín común (Fringilla coelebs)
OM-1 + Zuiko 300 mm  f:4   ISO:25600   V:1/60   F:4

    Bon, como xa teño dito e desde a miña relativa ignorancia en fotografía podemos considerar ese rango de ISO25600 como perfectamente utilizable na OM-1 E se abusamos un pouco do Photoshop o ruido case ficaría inapreciábel en pantalla.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos