Seguidores e seguidoras

domingo, 31 de maio de 2026

"Operación Mustela" nun día especial

    Hoxe e un día especial. Quería comezalo da mellor maneira posíbel, así que fun ao meu local patch do verán: As Regas de Moeche, onde facía unha temperatura bastante fresca, de só 7 ºC.

Camiño do leste, ou do xabalí
OM-1 + Panasonic 100-300 mm  f:5,6  ISO:6400   V:1/80   F:4

     Comecei as esperas e transectos ás 6,30 h co Pana 100-300 mm. Segue a ser un teleobxectivo, mas permite algunhas pequenas licencias paisaxísticas imposíbeis co 300 de focal fixa.

Camiño do oeste, ou da martaraña

      Ademáis de ser o día en que perdín a María, o 31 de maio de 2024 quedará gravado na miña memoria por ter acontecido a observación e gravación dun armiño moi perto das Regas de Moeche (Clara González, cita en iNaturalist). Un bicho moi especial para min.

  Desde entón tiven un par de encontros fugaces pero sospeitosos e atopei varias cacas que poderían ser de armiño. Porque, segundo as fontes que consultes, o excremento de armiño pode ser moi semellante en aspecto e tamaño ao da delonciña (un fío irregular moi cativo) ou maior e máis compacto, como sería o atopado esta mañá. En calquer caso son días moi favorábeis para ver activos mustélidos do xénero Mustela e non perdo a esperanza.

Excremento descoñecido (Mustela erminea?) As Regas de Moeche 31/05/2026

     As cereixas seguen a madurar. 

Cereixas ou guindas (Prunus sp)

  As cacas de martaraña que hai no camiño están agora formadas case íntegramente por restos de cereixa. Nada que ver co aspecto e forma sólida que mostran en inverno.

Excremento de martaraña (Martes martes) con froita de temporada

  Neste tramo de estrada, entre a plantación de cerdeiras e o paso sobre o Rego de San Xurxo, acumúlanse a maior parte dos excrementos. Desde logo se alguén está interesado en analizar cacas de martaraña que vai alí que as atopa fixo.

"Estrada das cacas"

  Sei que esta entrada está a ser un pouco escatolóxica, pero é que o mundo da mastozooloxía (estudo de mamíferos) funciona en grande parte con cacas, egagrópilas, e rastros diversos. De cando en vez tamén podemos observar individuos activos de día, claro.

Cola de martaraña (Martes martes) no "Camiño de martaraña"

     Levaba hora e media de espera/mostraxe, cando un exemplar apareceu brevemente. Tan brevemente que non me deu tempo a fotografalo ben (cando camiñan entre as umbelíferas do camiño o autofocus da cámara tolea e non as dá pillado).

Martaraña (Martes martes) oculta por cenoiras bravas (Daucus carota)

   Por certo, ampliando a imaxe da martaraña resulta que é o mesmo exemplar que vira en marzo cun problema grave no ollo esquerdo (preme). En diante vouna chamar "Chosca". 

Ampliación da foto de Chosca

  Antes de desaparecer entre as silveiras das cerdeiras a martaraña ergueuse para botar unha última ollada co seu único ollo operativo.

Chosca erguida

    Achegueime até alí e atopei varias cacas novas que non estaban momentos antes. Éstas de agora fragmentadas en varios cachos pequenos. 

Parte dun excremento de martaraña (Martes martes) moi fresco con restos de froita

Parte dun excremento de martaraña (Martes martes)

  Poucas aves puiden observar nesta mañá. Tomaba unha foto, aparentemente sen graza, a unha carriza eurasiática, que polo norte galego denominamos en masculino: carrizo.

Carriza eurasiática (Troglodytes troglodytes) cantando

    A miña sorpresa veu cando estaba editando a imaxe e apliqeui o zoom para ver o ruido. Atopei unhas manchiñas máis claras diante do bico da carriza que inicialmente dei por manchas de pó na pantalla do monitor ou mesmo da lente do obxectivo. Entón decateime que estaban aliñadas todas á altura da carriza e "caín da burra". Tiña que ser os efectos do canto debido á humidade e temperatura do momento como cando nós exalamos o alento con tempo frío e vemos o bafo. Non pode ser outra cousa. Un fenómeno que tamén indica a tremenda potencia do canto deste pequeno paxaro.

Carriza eurasiática (Troglodytes troglodytes) e bafo do seu canto no ar da atmosfera

    Non sei se alguén terá outra teoría ao respeito (tampouco o comentaredes, xa sei). A min paréceme claramente o bafo do canto da carriza. Unha das fotos máis curiosos que nunca saquei.

 Así rematamos o post nesta xornada de triste lembranza para min. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos