Seguidores e seguidoras

xoves, 2 de xaneiro de 2020

A pasear pola Terra Chá (Lugo)

 Hoxe fun á comarca lucense da Terra Chá na compaña de José Ramón Castro. A pesar do intenso frío nas primeiras horas ( - 4º C) fixo algo de sol con nubes altas, así que desfutamos da xornada.


  Dentro da perda xeralizada que está a sufrir a nosa biodiversidade arestora chama especialmente a atención a ausencia de aves na zona da Espiñeira (Cospeito), outrora un lugar ateigado de aves invernantes nesta época do ano.

Pradarías na Espiñeira

  Polo meiodía achegámonos á zona do Arneiro-Veiga de Pumar, na fronteira entre os concellos de Cospeito e Castro de Rei. Alí a cousa animouse dabondo.


   Se hai un ave rapaz característica da chaira actualmente é o Lagarteiro, que resulta doado de ver pousado en cables ou postes, desde onde procura pequenos vertebrados terrestres dos que fundamentalmente se alimenta.

Lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus)

     Case non hai avefrías este inverno, mas si contamos con bandos de píllara dourada. Grazas a esta foto puiden precisar o seu número: 374 exemplares.


Píllaras douradas (Pluvialis apricaria) en vóo
Nikon P1000 focal 234 (1300 mm)  ISO:100  V:1/400  F:6,3

  O picanzo meridional está a preocupar aos ornitólogos ibéricos polo seu alarmante declínio. Atopamos un exemplar perto do Arneiro e outro máis na estrada xeral a Vilalba cando voltabamos.


Picanzo meridional (Lanius meridionalis)
Nikon P1000 focal 360 (2000 mm)  ISO:110  V:1/200  F:8

  Observamos tamén un pimpín do Norte (Fringilla montifringilla), integrado nun grupo de pimpíns comúns e outros frinxílidos. Cando me dispoñía a fotografalo entraron en pánico por algo e saíron voando. Ese "algo" resultou ser unha femia de gabián (Accipiter nisus) que, para a miña sorpresa, pousou a escasos metros de nós.

 Gabián (Accipiter nisus) femia

       Esta pequena rapaz é o depredador por excelencia dos pequenos paseriformes galegos. Afortunadamente está ben distribuída en todo o territorio e mantén unha boa poboación reprodutora.

Gabián (Accipiter nisus)
Nikon P1000 focal 324 (1800 mm)  ISO:280  V:1/160  F:6,3

    Con esta xoia alada rematamos por hoxe. Obrigado por me ler.

3 comentarios:

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos