Hoxe remata un período con tempo anticiclónico. Mañá voltan as choivas e cumpría aproveitar o sábado, así que me acheguei de novo por terras de Moeche. Por desgraza temos un horario imposto políticamente que fai que teñamos un mencer anormalmente serodio (o orto era hoxe ás 9,01 h segundo Meteogalicia). Os hosteleiros das terrazas encantados, claro.
Lamas (San Sadurniño) ás 8,47 hora española
Sony RX10 III focal 60 mm ISO:800 V:1/160 F:3,5
En Moeche a temperatura andaba por 0 ou 1ºC. Porén e a pesares de levar a mesma roupa, tiven máis frío ca ontes en Lugo. Quizá pola maior humidade do ar ou ben porque se levantou un pouco de vento. Desde logo acabei cos dedos conxelados.
Val do Xuvia desde Casalousada (Moeche)
Sony RX10 III focal 45 mm ISO:400 V:1/200 F:4
Nas Regas fixen o meu transecto habitual pola estradiña a Penas Albas, unha campiña moi tranquila e ideal para pasear cando necesitas desconectar dos problemas.
Aquí unhas vacas de "extensivo" (que dormen fóra da corte, vaia)
Abrindo o día
Hoxe levaba a Sony RX10 III. Para que vexades a posibilidade de recurte que posúen as súas tomas fixen unha pequena proba co noso satélite favorito.
Toma orixinal. Disparo a pulso
Focal 600 mm ISO:100 V:1/400 F:4
Recurtando a imaxe co Lightroom
Resultado final, unha vez recurtado e editado
O bon de percorrer habitualmente os mesmos transectos é que acabas por coñecer a todos os "veciños", sexan vacas o aves. Esta mañá afotaba un corvo mariño que anda aquerenciado desa zona.
Entre a paxarada común, salientar a presenza de 2 escribidores riscados (Emberiza cia), que levan todo o inverno nunha sebe ao pe da estrada. Tamén, e por desgraza, un grupo duns 40-50 ex de bico de lacre ondulado, especie invasora que xa penetrou na comarca toda.
Bico de lacre ondulado (Estrilda astrild). Foto testemuñal
Como dixen mañá volve a choiva. Estamos na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos