Seguidores e seguidoras

martes, 28 de xaneiro de 2025

28/01/2024 Buscando peláxicas pola ría de Ferrol

 Hoxe foi o terceiro día consecutivo con alerta vermella por ondas no mar de 8-10 m e por ese motivo esta mañá facía unha visita rápida aos peiraos de Maniños e Mugardos.

Cidade de Ferrol, ao mencer
Sony RX10  focal 60 mm   ISO:1600    F:1/200   F:3,5

Vila de Mugardos
Sony RX10  focal 30 mm   ISO:3200    F:1/200   F:4,5

Corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo)
Sony RX10  focal 600 mm   ISO:3200    F:1/200   F:4,5

    Os corvos mariños grandes están a mudar a penaxe de inverno e xa amosan as típicas áreas brancas en patas ou gorxa, así coma ese ton acastañado no lombo. Sen embargo o que eu buscaba hoxe eran aves peláxicas coma falaropos (Phalaropus sp), araos (Alcidae sp), paíños (Hydrobates sp) ou mascatos (Morus bassanus), que adoitan entrar na ría canda os temporais.

   Non levei o telescopio mas fixen unha boa mostraxe nos lugares onde adoitan aparecer estas especies, con resultado negativo. Poño unhas fotos de arquivo.

Falaropo de bico groso (Phalaropus fulicarius)
Fotografado en Mugardos o día 4/11/2023

Mascato (Morus bassanus)
Fotografado en Valdoviño o día 19/10 /2013

  Desde logo a ría de Ferrol non é das mellores para observar aves peláxicas. Na miña opinión pola bocana tan cativa que posúe. De todas as rías galegas (con calado de máis de 10 m e navegábeis para buques grandes) é a que ten a entrada máis angosta, con moita diferenza. Nada que ver coas enormes Rías Baixas ou coa pequena Ría de Cedeira, moito máis aberta ao mar de fóra.(1)

Ría de Ferrol en Google Maps

Bocana da ría de Ferrol

   A todo isto "Herminia" segue connosco. Ademáis dos ventos furacanados e da forte choiva onte tivemos unha treboada con lóstregos de moito carallo (pódese dicir isto ou agora tamén é pecado?) E co frío chegou a saraiba.

Ribeira de Maniños (Fene) azoutada polo vento

  Cando estaba no peirao de Maniños vin ao lonxe unha cortina de saraiba.

Cortina de saraiba caendo na ría
Sony RX10 III focal 115 mm   ISO:400    V:1/320   F:4

    A saraiba estaba achegándose, mas esperei até o último momento mentras a fotografaba. 

Sony RX10 III focal 65 mm   ISO:400    V:1/320   F:4

  Desde logo os meteoros adversos, coma vento, xeada, neve ou saraiba ofrecen a oportunidade de tirar fotos espectaculares, ou iso acredito.

Saraibada en Barallobre (Fene)
Sony RX10 III focal 80 mm   ISO:800    V:1/320   F:3,5

  Ben, como dicía anteriormente, a invernada de acuáticas vai rematando cuns resultados moi pobres, como é cada día máis habitual. Este ano e logo dun dos temporais marítimos máis persistentes que eu lembro nin sequer as mariñas apareceron. A verdade é que contaba polo menos cos paíños, que si se viron noutras localidades galegas. Outra vez será.

(1) Non conto rías coma Ponteceso, Foz ou Ortigueira, que son maiormente áreas estuarinas con grandes intermareais e con menos de 5 m de fondo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos