Seguidores e seguidoras

xoves, 17 de xullo de 2025

17/07/2025 Visita rápida a Valdoviño

    Semella que a lagoa da Frouseira está xa na condición pechada habitual de verán. Esta mañá tomaba unhas fotos baixo o orballo que caía a primeira hora.

Sector occidental da canaveira/xunqueira

Sector oriental. Lagoa da Frouseira, Valdoviño

 Ata que non baleire (dentro duns catro meses) os paseos ornitolóxicos polo paseo peonil han ser moi pouco produtivos. Por unha banda desapareceu o intermareal e ribeiras de lama, imprescindíbeis para limícolas e gaivotas. Por outra, aumentou moito a profundidade media da lagoa. Moitas aves marchan nesta época do ano e as que quedan fano nas augas interiores da xunqueira.

Claro de augas abertas na marisma

   Cando está así de chea os mellores roteiros están accedendo desde o sistema dunar ou desde a parroquia de Lago, todos na ribeira oeste. Antigos sendeiros de pescadores ou cazadores que eu coñecía de memoria nos anos oitenta e que penetraban até a mesma canaveira. 
     Agora xa non vou polo "sistema dunar canino". Tampouco me prodigo polos antigos accesos desde Lago, neste caso por preguiza. Pero se alguén ten interese real en coñecer a lagoa estaría disposto a ensinarlle eses accesos (non vou perder o tempo con coleccionistas).

"Baía da Lontra" e "Pesqueira" (sector SW)

  O que máis cambiou desde aquela época é a estacionalidade do turismo, que antes se cinguía aos meses de praia (dous ou tres). Agora é permanente todo o ano. Entre o turismo surfeiro, o "turismo mascotista", o turismo climático e o turismo clásico, aquilo está sempre cheo de autocaravanas e cans. Porque ao final estamos a falar dun espazo natural supostamente protexido. E esta invasión humana permanente na contorna da lagoa non parece moi lóxica se temos en conta as diferentes figuras de protección que posúe.

Autocaravanas no aparcadoiro da praia

 Logo de visitar a lagoa achegueime ata a zona de Meirás.

Pista por Meirás (poñede a música de "El hombre y la Tierra")

     Alí hai uns desmontes bastante degradados e feos nos que habitan algunhas especies interesantes. Pola miña experiencia na zona supoño que haberá noiteboa cincenta (Caprimulgus caprimulgus). Tamén hai unha ou dúas parellas de picanzo vermello.

Hábitat de picanzo vermello (Lanius collurio) en "Valdovo"

  Unha das parellas que tiña controladas sacou adiante tres polos, que contei grazas a unha fotografía. Unha ferramente moi útil para censos de diferente tipo.

Polos voantóns de picanzo vermello (Lanius collurio)

A nai dos susodichos

  Chegando á Praia dos Botes, no cabo de Ponta Frouseira, puiden fotografar un macho, que amosaba unha penaxe bastante lamentable. Entre o deterioro habitual durante a crianza e mais a chuvia da mañá non estaba moi bonito.

Picanzo vermello (Lanius collurio)

  Resumindo: a lagoa está pecha e os picanzos vermellos sacando polos adiante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos