Seguidores e seguidoras

luns, 28 de xullo de 2025

28/07/2025 Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros) en "Detroit"

    Hai un rato dei unha volta pola Porta Nova, a praza que hai xunto á miña casa. O "ambiente" polas tardes é diferente ao que hai polas mañás e tiven que ser moi coidadoso á hora de tomar fotografías. Nun dos bancos había un grupo de quinquis e ionquis autóctonos ("hermanitas de la caridad" comparados cos do machete e o reggaeton, pero aínda así hai que ter coidado co que se enfoca). De todas formas e quizá porque no meu barrio natal había tamén moito quinqui síntome máis tranquilo se vexo que son do país. Alomenos aínda manteñen certos códigos propios da nosa cultura. Tamén apareceu unha furgoneta da policía nacional que se meteu no centro da praza co veículo (a asociación de veciños do barrio moveuse activamente para que houbese unha maior presencia policial logo da tremenda escalada de violencia nos últimos anos causada por grupos magrebís e latinos).

  En fin, con suma discreción, coma se fose un paparazzi sacando fotos a unha famosa en pelotas, estiven a observar unha familia de rabirrubios tizóns. Probablemente os polos voantóns forman parte xa de segundas roladas.

Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros). Polo voantón
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:2000    V:1/320    F:4

      A esas horas facía "moita calor" (25ºC en Ferrol é calore), así que e os paxaros permanecían na fresca sombra que proporciona a arboreda do parque. Eu levaba a Sony e tiven que empregar rangos de ISO moi altos para un sensor dunha polgada.

Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros). Macho adulto
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:3200    V:1/320    F:6,3

      A femia colaborou e pousou nunha zona mellor iluminada.

Rabirrubio tizón (Phoenicurus ochruros). Femia adulta
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:640    V:1/160    F:4

   Recoñezo que estou namorado do rabirrubio, que eu chamo colirrubio (tanto -r- no nome oficial paréceme antinatural). Un ave familiar, común, que mesmo ves no taller do estaleiro onde traballas, no edificio onde vives ou nun edificio da campiña de Moeche. Deberíamos aprender a desfrutar das aves agora comúns, porque igual no futuro deixan de selo. Xa pasou con especies que na miña adolescencia o eran e agora están extinguidas coma reprodutoras na comarca de Ferrol. 

   Aquí terminamos esta crónica do pequeno "Detroit", un termo que lin unha vez nun artigo periodístico no que comparaba as situacións de declive industrial, paro laboral e abandono, semellantes entre ambas cidades (obviamente a menor escala en Ferrol, cidade moito máis cativa).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos