A migración de acuáticas xa comezou para as especies máis madrugadoras e por tanto comezarei as visitas de control pola ría de Ferrol. Básicamente polos peiraos de Mugardos ou Fene e polo fondo da ría (á praia de San Valentín xa case non vou polo tema dos cans).
Praia de Maniños (Fene)
Sony RX10 III focal 35 mm ISO:200 V:1/200 F:5
Non son zonas especialmente produtivas para a observación de aves, mas si moi tranquilas. Tamén moi cómodas cando chove, coma hoxe, porque podes dar un paseo polos muelles e fotografiar cousas desde o propio carro, sen mollarte. Ainda que á praia de Maniños cómpre baixar a pé.
Grupo de gaivotóns e patiamarelas
Alí atopaba catro gaivotóns atlánticos integrados nun grupo de patiamarelas. Sospeito que pode haber unha segunda parella reprodutora no estaleiro de Navantia-Fene (a antiga ASTANO, ademáis da xa coñecida de Navantia-Ferrol (antiga Bazan), que este ano volveu a criar, aínda que agora non podo facerlles o seguimento que facía antes.
Gaivotón atlántico (Larus marinus)
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200 V:1/250 F:4,5
Gaivota chorona (Chroicocephalus ridibundus)
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200 V:1/250 F:5
Tamén en Maniños nadaba un grupiño de 3 corvos mariños cristados xuvenís ou subadultos. Probablemente exemplares nacidos nalgunha das colonias ferrolás.
Corvos mariños cristados (Gulosus aristotelis)
Corvo mariño cristado (Gulosus aristotelis) xoven
Ao igual que os corvos mariños cristados ou os biluricos das rochas, a garza branca pequena vese case todo o ano. Os máis novos non o crerán, pero hai corenta anos éravos bastante escasa por aquí.
Garza branca pequena (Egretta garzetta)
Garza real con anguila (Anguilla anguilla)
Por experiencia propia sei ben o escorregadizo que é este peixe. Custoulle caro á garza mas logo dunha pelexa de varios minutos logrou metela para dentro.
Garza pelexando coa anguía
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos