Seguidores e seguidoras

sábado, 19 de xullo de 2025

Predación de gaivota patiamarela sobre pomba doméstica. Un caso documentado

  É coñecido o papel depredador que algunhas gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) exercen sobre as pombas domésticas (Columba livia) nas cidades galegas; especialmente sobre os pichóns do ano pero tamén sobre adultos (agora tería que reforzar o texto con referencias bibliográficas se isto fose unha revista científica e por esas cousas non me animo a escribir nelas, síntoo).

Gaivota patiamarela (Larus michahellis) obxecto da observación

  No caso de Ferrol existe mesmo un vídeo publicado en redes sociais no que se observa cómo unha patiamarela de gran tamaño capturaba e tragaba enteira unha pomba. Eu xa tiña observado persoalmente o acoso de gaivotas a xuvenís de pomba, agochados baixo un veículo. Sen embargo esta mañá fun testemuña directa dun caso de predación sobre un adulto de pomba.

 Mentras daba un paseo pola praza de A Porta Nova (Ferrol) observei un axemplar de gaivota patiamarela que se achegaba a un grupo de pombas pousado nas xardineiras con evidente agresividade. Correu cara unha das pombas, que escapou voando, e a gaivota saíu voando detrás dela, capturándoa aos poucos segundos.

Gaivota patiamarela con pomba adulta recén capturada


     Tiña curiosidade se a gaivota sería capaz de tragar enteira a presa. Porén neste caso a pomba supoñía unha captura demasiado grande para o tamaño da patiamarela. Ou quizá foi por outro motivo que explicarei a continuación.

Gaivota patiamarela (Larus michahellis) con pomba doméstica (Columba livia) capturada
Sony RX10 III focal 500 mm   ISO:200   V:1/320    F:5

     Mentras eu a fotografaba a curta distancia a gaivota mostrou moita confianza. Varios propietarios caninos pasaron tamén polo lugar e exerceron coma o que son: completos ignorantes do medio natural. Ao ver a escea unha muller berrou "Ai, que horror!!!" (pensei que atropelaran a un neno ou que apuñalaran a alguén). Un home directamente azuzou ao seu can solto para que fose pola gaivota. En canto marchou o túzaro co seu can, a gaivota voltou xunto a pomba que deixara antes de fuxir.


  De cando en vez a patiamarela emitía o reclamo territorial. Semellaba claramente un macho pola proporción cabeza-corpo e tamaño xeral.

Gaivota patiamarela (Larus michahellis) "marcando paquete"
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:100   V:1/250    F:5
  
  Mentras realizaba as fotos varias pombas pousaron ao meu carón. Unha delas ficou ollando cara a gaivota e a súa desafortunada parente (non é montaxe editorial, pasou de verdade).

Pomba doméstica (Columba livia)
Sony RX10 III focal 600 mm   ISO:200   V:1/200    F:5

  Logo de case media hora, a gaivota saíu voando cara un edificio onde me consta que teñen polos. Falamos, pois, de alimentación a xuvenís con carne de pomba (sempre será mellor que o pienso para gatos ou os restos do lixo orgánico). Inicialmente a gaivota escolleu as partes máis nutritivas da pomba e máis doadas de arrincar: peito e zona ventral. 

Pomba doméstica predada por gaivota patiamarela

  Aos poucos minutos voltou a mesma gaivota (inconfundíbel pola raia de sangue na face). Neste caso devorou a parte do pescozo e cabeza. Para algunhas persoas pode resultar unha entrada desagradable mas a Natureza é isto: vida duns a consta da morte doutros seres vivos.

 A diferenza doutros depredadores máis especializados, como as rapinas, as gaivotas non teñen garras. E puiden comprobar como iso supón un serio problema á hora de "despezar" unha captura grande. A única maneira que tiña a gaivota para separar os cachos era collelos co peteiro e camiñar cara atrás con forza. Fixo varios intentos para separar as ás, mas non foi capaz de romper os ósos. Coa cabeza tivo máis sorte.

Gaivota patiamarela tentando separar a cabeza


    De novo, marchou voando para cebar aos polos en canto recolleu alimento dabondo, voltando algo máis tarde. Un pouco antes chegara outra patiamarela, probablemente a femia, que se mantivo a certa distancia mentras o macho continuaba o despezamento da presa.


Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
Sony RX10 focal 600 mm    ISO:100   V:1/640   F:4,5

  Só cando o outro adulto marchou por segunda vez a aparente femia se achegou para alimentarse da pomba (moito máis tímida có macho, por certo).

Gaivota patiamarela (Larus michaellis). Probábel femia

  Voltou o macho por terceira vez e decidín que xa tiña material documental dabondo. El quedou alí apañando o que podía daquela desgraciada pomba.

Gaivota patiamarela alimentándose con pomba doméstica na Porta Nova (Ferrol)

  Por cousas coma ésta cómpre levar sempre a cámara enriba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Para comentar es necesario identificarse con nombre y apellidos