É coñecido o papel depredador que algunhas gaivotas patiamarelas (Larus michahellis) exercen sobre as pombas domésticas (Columba livia) nas cidades galegas; especialmente sobre os pichóns do ano pero tamén sobre adultos (agora tería que reforzar o texto con referencias bibliográficas se isto fose unha revista científica e por esas cousas non me animo a escribir nelas, síntoo).
Gaivota patiamarela (Larus michahellis) obxecto da observación
No caso de Ferrol existe mesmo un vídeo publicado en redes sociais no que se observa cómo unha patiamarela de gran tamaño capturaba e tragaba enteira unha pomba. Eu xa tiña observado persoalmente o acoso de gaivotas a xuvenís de pomba, agochados baixo un veículo. Sen embargo esta mañá fun testemuña directa dun caso de predación sobre un adulto de pomba.
Mentras daba un paseo pola praza de A Porta Nova (Ferrol) observei un axemplar de gaivota patiamarela que se achegaba a un grupo de pombas pousado nas xardineiras con evidente agresividade. Correu cara unha das pombas, que escapou voando, e a gaivota saíu voando detrás dela, capturándoa aos poucos segundos.
Gaivota patiamarela con pomba adulta recén capturada
Tiña curiosidade se a gaivota sería capaz de tragar enteira a presa. Porén neste caso a pomba supoñía unha captura demasiado grande para o tamaño da patiamarela. Ou quizá foi por outro motivo que explicarei a continuación.
Gaivota patiamarela (Larus michahellis) con pomba doméstica (Columba livia) capturada
Sony RX10 III focal 500 mm ISO:200 V:1/320 F:5
Mentras eu a fotografaba a curta distancia a gaivota mostrou moita confianza. Varios propietarios caninos pasaron tamén polo lugar e exerceron coma o que eran: completos ignorantes do medio natural. Ao ver a escea unha muller berrou "Ai, que horror!!!" (pensei que atropelaran a un neno ou que apuñalaran a alguén). Un home directamente azuzou ao seu can solto para que fose pola gaivota. En canto marchou o túzaro co seu can, a gaivota voltou xunto a pomba que deixara antes de fuxir.
De cando en vez a patiamarela emitía o reclamo territorial. Semellaba claramente un macho pola proporción cabeza-corpo e tamaño xeral.
Gaivota patiamarela (Larus michahellis) "marcando paquete"
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:100 V:1/250 F:5
Mentras realizaba as fotos varias pombas pousaron ao meu carón. Unha delas ficou ollando cara a gaivota e a súa desafortunada parente (non é montaxe editorial; pasou de verdade).
Pomba doméstica (Columba livia)
Sony RX10 III focal 600 mm ISO:200 V:1/200 F:5
Logo de case media hora, a gaivota saíu voando cara un edificio onde me consta que teñen polos. Falamos, pois, de alimentación a xuvenís con carne de pomba (sempre será mellor que o pienso para gatos ou os restos do lixo orgánico). Inicialmente a gaivota escolleu as partes máis nutritivas da pomba e máis doadas de arrincar: peito e zona ventral.
Pomba doméstica predada por gaivota patiamarela
Aos poucos minutos voltou a mesma gaivota (inconfundíbel pola raia de sangue na face). Neste caso devorou a parte do pescozo e cabeza. Para algunhas persoas pode resultar unha entrada desagradable mas a Natureza é isto: vida duns a consta da morte doutros seres vivos.
A diferenza doutros depredadores máis especializados, como as rapinas, as gaivotas non teñen garras nin bico deseñado para desgarrar a presa. E puiden comprobar como iso supón un serio problema á hora de "despezar" unha captura grande. A única maneira que tiña a gaivota para separar os cachos era collelos co peteiro e camiñar cara atrás con forza. Fixo varios intentos para separar as ás, mas non foi capaz de romper os ósos. Coa cabeza tivo máis sorte.
Gaivota patiamarela tentando separar a cabeza
De novo, marchou voando para cebar aos polos en canto recolleu alimento dabondo, voltando algo máis tarde. Un pouco antes chegara outra patiamarela, probablemente a femia, que se mantivo a certa distancia mentras o macho continuaba o despezamento da presa.
Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
Sony RX10 focal 600 mm ISO:100 V:1/640 F:4,5
Só cando o outro adulto marchou por segunda vez a aparente femia se achegou para alimentarse da pomba (moito máis tímida có macho, por certo).
Gaivota patiamarela (Larus michaellis). Probábel femia
Voltou o macho por terceira vez e decidín que xa tiña material documental dabondo. El quedou alí apañando o que podía daquela desgraciada pomba.
Gaivota patiamarela alimentándose con pomba doméstica na Porta Nova (Ferrol)
Por cousas coma ésta cómpre levar sempre a cámara enriba.
Enhorabuena por la observación Xabi. La verdad que super interesante poder observar este tipo de comportamientos predatorios en medio de una "gran" ciudad cuanto menos. Yo tengo visto alguna vez la carcasa de una paloma con todos los órganos devorados, suponía que por una gaviota pero ahora más todavía.
ResponderEliminarA falta de azores aprovechan las gaviotas supongo, mucho odio a estas aves pero a mí cada vez me gustan más.
Pst: La foto del macho reclamando con la paloma a sus pies es para enmarcar.
Grazas, Ángel. Para que vexas qué importante é levar sempre a cámara encima. Para estas cousas as bridge son marabillosas, especialmnete as de sensor pequeno, como a SX70 que lle vendín a Raquel.
EliminarQue conste que as pombas teñen varios predadores en Ferrol, comezando polo falcón peregrino e terminando polas cada vez máis habituais águias calzadas (un consumado especialista na captura de pombas urbanas, polo visto!).
Apertas.
Yo estoy bastante enamorado de la SX70 la verdad, me parece extremadamente cómoda tanto de llevar como de utilizar. Cada vez que puedo se la pido prestada a Raquel y llevo una temporada que la estoy usando bastante.
EliminarY lo de las calzadas me parece muy curioso, ya tengo visto reportes tuyos por ebird de ellas en medio de Ferrol. La verdad que nunca vi ninguna por aquí, aunque poco frecuento Ferrol ciudad en si.
Un saludo Xabi.
Olá de novo, Ángel (non asinaches o comentario pero és ti, obviamente).
EliminarO das calzadas é moi interesante, se temos en conta a súa situación no noso país hai só dez ou vinte anos. Sabes cándo comecei a observalas regularmente? Durante o confinamento! Metérame nun grupo de facebook que liara o colega Dani López Velasco e todos os días saía á ventá para observar "aves desde casa". Para miña sorpresa descubrín que unha calzada pasaba todos os días sobre as 15,00-15,30 h por encima do meu edificio, no barrio do Inferniño/Ultramar. Ademáis observei que causaba unha alarma bestial entre as gaivotas patiamarelas do barrio. Fíxate até que ponto, que estaba na casa vendo a tele ou cociñando, escoitaba o rebumbio de gaivotas e xa collía a cámara correndo. Asomábame á ventá e alí estaba a águia, pontual coma un reloxo.
Probablemente xa a teñas visto pero non te deches conta porque adoita pasar ciclando a media altura entre unha morea de gaivotas que berran coma tolas. A próxima vez que vexas moito alboroto observa con atención e é posible que vexas unha rapaz no medio delas. Actualmente a águia calzada é a rapaz máis doada de observar na cidade de Ferrol xunto co falcón peregrino e o buxato.
Con respeito ao seu estatus considero altamente probable que haxa ún ou mesmo dous territorios na contorna da ría de Ferrol. O máis probable no Seixo (Mugardos), por comentarios que me ten feito o colega Pedro Cruzado. Secundariamente podería estar a criar tamén na zona de Santa Icía (Ferrol/Narón). Non te perdas este post que publiquei en 2020. Un compañeiro de traballo é criador de pombas e atopou unha calzada na súa finca "salibando" mentras miraba para as pombas que tiña nas xaulas. Unhas fotos incríbeis, tomadas co seu teléfone móbil. Posteriormente víu calzadas en moitas máis ocasións.
https://bichosedemaisfamilia.blogspot.com/2020/10/un-poco-de-vida-paseando-por-ferrol.html