Esta mañá voltei a Moeche para facer unha espera máis "profisional" e tomar boas fotos da martaraña. Para tal fin senteime nun lugar estratéxico con todas as prendas de camuflaxe postas.
Pequena valeta de cemento onde me sentei
Agochado tralos felgos tiña unha visión privilexiada da rota que seguira a marta de onte, e case a nivel do chao. A idea era que o bicho aparecese camiñando cara min.
Panorámica desde o "observatorio"
A espera estaba sendo moi aburrida ata que apareceu un falcón pequeno no lugar habitual do río Xuvia, onde semella que hai un territorio. Por desgraza estaba moi lonxe. Non daba un peso pola foto mas logo de editala quedou bastante ben.
Falcón pequeno (Falco subuteo). Toma orixinal desde uns 200 m
Falcón pequeno (Falco subuteo). Toma recurtada e moi editada
OM-1 + Panasonic 100-300mm f:5,6 ISO:800 V:1/250 F:5,6
Apareceu tamén a familia de picanzos do territorio 4, que estaba xusto ás miñas costas (o prado da primeira foto). Levaba case unha hora esperando e nun momento que estaba despistado cos picanzos apareceu unha martaraña na estrada, ainda que hoxe facía a rota ao revés. Tomeille unha foto mala cando xa estaba lonxe. Igual até pasou diante miña e nin me enterei por estar mirando os picanzos! Qué importante é estar concentrado no que se está... e ter paciencia.
Martaraña (Martes martes) correndo por patas
En fin, depois completei un novo censo de picanzos no transecto habitual.
Picanzo vermello (Lanius collurio), xuvenil
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 ISO:320 V:1/160 F:5,6
A novidade hoxe foi ver dous machos xuntos no territorio 1 ("o da curva", Manolo). Con eles había un mínimo de 4 xuvenís (non vin ningunha femia).
Picanzos vermellos (Lanius collurio), machos
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 ISO:400 V:1/160 F:5,6
En anos anteriores xa observara unha xuntanza de varios grupos familiares neste lugar das Regas a finais da tempada de cría. Supoño que é unha zona con alta concentración de insectos pero non sei de onde viría esa segunda familia. Ao leste, fóra xa da área de mostraxe das Regas, hai mais territorios.
Picanzos vermellos (Lanius collurio), xuvenís
OM-1 + Panasonic 100-300 mm f:5,6 ISO:400 V:1/160 F:6,3
Xusto cando marchaba apareceu un gato doméstico no prado, que provocou a fuxida dos picanzos. ¿Por qué sería? (eu con certos problemas ecolóxicos son partidario da "solución final").
Ben, comeza agosto. A tempada reprodutora chega ao seu fin e comeza a pasaxe migratoria de aves, tanto acuáticas coma terrestres. É tempo de sorpresas.
La paciencia es la reina de la ciencia.Hsy lo dejo . José Ramón
ResponderEliminarAhí, ahí.
ResponderEliminar